O BNG reclama á Xunta transparencia sobre o CIS Ourense e diálogo coa veciñanza
Ourense, 30 de xuño de 2026.- A deputada nacionalista por Ourense, Noa Presas, avanzou que a formación nacionalista vén de rexistrar novas iniciativas no Parlamento galego sobre o futuro do CIS de Nóvoa Santos despois de coñecerse que a veciñanza que denunciou o proxecto por atentar contra os seus intereses e contra a planificación urbanística reclama á Xunta sen éxito atopar unha solución dialogada.
A deputada recorda que “hai un mes o BNG preguntou por esta cuestión ao Conselleiro de Sanidade e reclamou unha mesa de traballo de veciñanza, profesionais e administracións para atopar unha alternativa mais o goberno deu a calada e escusas de mal xestor como resposta”.
Para o BNG “é escandaloso que mentres Vigo, Lalín e Lugo xa teñen os seus CIS funcionando a pleno rendemento Ourense o O Carballiño sigan esperando tan sequera un proxecto viable” e cualificou de “escandalosa a neglixencia consciente da Xunta neste caso: sabían que reformar un edificio que non pode medrar ao ancho era un problema e seguiron prometéndoo, sabían que o proxecto tiña reparos técnicos e seguiron prometéndoo, xa sabían que estaba xudicializado desde 2024 e seguiron prometéndoo. Que agora se escuden na espera xudicial é unha tomadura de pelo porque ao mesmo tempo estamos vendo como a veciñanza pide diálogo e a Xunta mira para outro lado, nin buscan adaptar o proxecto nin unha localización alternativa, simplemente conxelan outro investimento para Ourense”.
A deputada recordou que “a Xunta prometeu no an 2020 un Centro Integral de Saúde sabendo que non tiña garantías e hai que recordar que o persoal sanitario implicado tanto de atención primaria como dos servizos hospitalarios opuxéronse ás propostas da Xunta para reorganizar os servizos entre o Centro de Especialidades, o Hospital e o Centro de Saúde do Couto”.
Presas pide á Xunta “rectificación co abandono de Ourense e que se comprometa a dialogar coa veciñanza e co persoal sanitario sobre cal debe ser a alternativa para o Centro Integral de Saúde e cal debe ser o futuro do Nóvoa Santos e dos servizos prestados”.