O BNG reclama que a riqueza hidroeléctrica de Ourense reverta nos concellos afectados e sirva para crear industria e fixar poboación

rolda prensa 22 xuño 2026 xosé Manuel Puga, Bernardo Varela, María Mangana
rolda prensa 22 xuño 2026 xosé Manuel Puga, Bernardo Varela, María Mangana

Bernardo Varela: “A enerxía producida en Ourense ten que traducirse en benestar, emprego e oportunidades para a veciñanza”

O BNG reclama que a riqueza hidroeléctrica de Ourense reverta nos concellos afectados e sirva para crear industria e fixar poboación

Ourense, 22 de xuño de 2026 . O Grupo Provincial do BNG na Deputación de Ourense, Bernardo Varela, María Mangana e Xosé Manuel Puga; levará ao vindeiro pleno unha moción na que demanda un novo modelo de aproveitamento dos recursos hidroeléctricos que permita que a riqueza xerada na provincia reverta de maneira efectiva nos concellos afectados polos encoros e as infraestruturas enerxéticas.

O BNG propón que a Deputación reclame ao Estado e ás confederacións hidrográficas un sistema específico de reversión territorial da recadación procedente das taxas e cánones hidroeléctricos, de maneira que unha parte significativa destes recursos retorne directamente aos concellos afectados en función de criterios obxectivos como a potencia instalada, a superficie inundada ou o impacto social e ambiental.

A moción tamén insta á Xunta de Galiza a defender un novo modelo de compensación territorial que recoñeza o papel de Ourense como territorio xerador de electricidade renovable e inclúe a reivindicación dunha Tarifa Eléctrica Galega que permita reducir de maneira significativa a factura eléctrica das familias e das pequenas e medianas empresas radicadas nos concellos afectados polos encoros.

“O que reclamamos é unha cuestión de xustiza territorial. Se Ourense produce unha parte fundamental da electricidade do Estado, esa riqueza ten que traducirse en benestar, emprego e futuro para a nosa xente”, defendeu o voceiro nacionalista.

A iniciativa do BNG aposta ademais pola elaboración dun Plan Industrial e de Desenvolvemento Local ligado á enerxía, co obxectivo de atraer industrias e servizos relacionados coa transición enerxética, impulsar proxectos de economía social e turismo sostíbel e aplicar criterios de discriminación positiva para favorecer a implantación de actividade económica nas comarcas máis afectadas pola perda demográfica.

“Non chega con que os concellos reciban impostos ou compensacións puntuais. É necesario construír un modelo que transforme os recursos naturais da provincia en oportunidades reais para a veciñanza e para as novas xeracións. A enerxía que se produce en Ourense ten que servir para crear emprego, industria e fixar poboación”, concluíu Bernardo Varela.

A iniciativa, defendida polo voceiro provincial do BNG, Bernardo Varela, parte dunha realidade que os nacionalistas consideran “insostíbel”: Ourense é unha das principais produtoras de enerxía hidroeléctrica do Estado, con máis de 2.500 MW de potencia instalada e unha produción anual superior aos 5.400 GWh, mais continúa sendo unha das provincias máis envellecidas e despoboadas, con escasa actividade industrial e unha perda continuada de habitantes.

“Temos unha provincia que actúa como un auténtico pulmón enerxético do Estado, pero os beneficios económicos e o emprego asociado á cadea de valor da enerxía quedan fóra do noso territorio. ades”, sinalou Bernardo Varela.

O Bloque lembra que son numerosos os concellos que soportan o impacto territorial e ambiental dos encoros e das centrais hidroeléctricas sen que iso se traduza nun maior desenvolvemento económico. Mesmo os ingresos derivados dos impostos municipais ou das taxas vinculadas ao dominio público hidráulico amosan ser insuficientes para garantir a fixación de poboación ou a creación de tecido produtivo.

Como exemplo desta situación, os nacionalistas citan o caso de Castrelo de Miño, onde a construción do encoro supuxo a desaparición de centos de hectáreas de terras agrarias de elevada produtividade. Se no momento da construción da presa o municipio contaba con 4.832 habitantes, na actualidade a poboación reduciuse ata os 1.292 veciños e veciñas.

Ou o caso do concello da Rúa onde estaba o centro de mando para a zona galega das centrais hidroeléctricas. Iso retirouse de aquí e trasladouse para Salamanca. “As centrais quedaron aquí, pero os empregos marcharon.” Sinaba Vareala, que continuaba lembrando que “o grupo de traballadores especializados e técnicos que quixeron continuar na empresa tiveron que marchar de Galiza.”

E como último exemplo lembraba o recente caso no que a Deputación de Ourense tivo que facerse responsable de 1,2 millóns de euros que o Concello de Nogueira de Ramuín non foi quen de cobrar de Iberdrola. Porque quen recorreu as liquidacións foi Iberdrola. “Ao final ese diñeiro acabámolo pagando entre todos os concellos da provincia. E nunca máis volvemos saber do asunto.” Concluía o Portavoz do BNG na Deputación de Ourense

O BNG reclama que a riqueza hidroeléctrica de Ourense reverta nos concellos afectados e sirva para crear industria e fixar poboación