O BNG pide declarar a cidade de Ourense Zona de Mercado Residencial Tensionado
O grupo municipal nacionalista reclama tamén un plan específico de vivenda para Ourense e a colaboración do Goberno local coa Xunta na elaboración dos informes técnicos necesarios
Ourense, 2 de xullo de 2026.- O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense presentará no pleno deste venres unha moción na que insta á Xunta de Galiza a declarar o Concello de Ourense, ou aquelas áreas do termo municipal que cumpran os requisitos legais, como Zona de Mercado Residencial Tensionado.
Para a concelleira nacionalista, Erea Blanco, o acceso á vivenda "é un dos debates que non poden seguir agardando". Alerta que “cada vez son máis as persoas que, malia ter emprego, atopan serias dificultades para acceder a unha vivenda digna, así como as persoas mozas que non poden emanciparse e as familias que ven como atopar unha vivenda a un prezo asumible resulta unha tarefa case imposíbel.”
A moción sitúa este problema no centro do reto demográfico que arrastra a cidade desde hai décadas, marcada pola perda de poboación, o avellentamento e a emigración xuvenil. Para o BNG, non existen políticas demográficas capaces de substituír o acceso a un emprego digno, a servizos públicos de calidade e a unha vivenda: “se a xente non pode quedar por falta de vivenda accesible, calquera estratexia demográfica está condenada a fracasar”, indican.
Denuncian que os prezos da vivenda e do alugueiro seguen a medrar moi por riba da capacidade económica de boa parte da veciñanza, “ao tempo que milleiros de vivendas permanecen baleiras e outras se desvían do alugueiro residencial cara a usos turísticos, o que reduce aínda máis a oferta dispoñible.”
Erea Blanco defende que a vivenda "non pode ser entendida unicamente como un activo económico ou un negocio, senón como un dereito recoñecido legalmente e unha condición indispensable para garantir a igualdade de oportunidades, a emancipación da mocidade e a propia supervivencia demográfica do país."
Por iso, o Grupo Municipal reivindica o uso de todas as ferramentas ao alcance das administracións públicas, entre elas a declaración de Zona de Mercado Residencial Tensionado, unha figura que permite impulsar medidas específicas para garantir o acceso á vivenda da poboación residente. Aínda que a competencia para esta declaración corresponde á Xunta de Galiza, o BNG considera que, fronte a un problema que afecta directamente á veciñanza, "non cabe a inacción nin a pasividade institucional desde o Concello".