O BNG instará ao goberno municipal a non abandonar o protocolo VioGen no vindeiro pleno

A formación nacionalista levará unha moción para incorporar máis efectivos policiais para crear unha unidade específica para loitar contra a violencia machista
O BNG instará ao goberno municipal a non abandonar o protocolo VioGen no vindeiro pleno

O grupo municipal do BNG en Ourense presentou no Rexistro municipal unha moción para instar ao goberno municipal a non abandonar o protocolo VioGen de atención ás vítimas da violencia de xénero. Solicitan que o concello garanta que os diferentes profesionais teñan a formación e os instrumentos necesarios para loitar contra a violencia machista, así como ampliar os efectivos policiais e creando unha unidade específica.

"É unha mostra máis de que realmente a violencia machista lles preocupa pouco ou nada" declaraba onte o voceiro do BNG tras o anuncio de Jácome de desvincularse do protocolo VioGen retirando á policía local do labor de protección ás vítimas de violencia machista. "Ningún dos socios que conforman o goberno consideran que a loita contra a violencia machista sexa unha prioridade na súa acción política" sinalou o voceiro do BNG, Luis Seara, mentres criticaba o incremento no orzamento para as luces de Nadal.

Esta medida vai aparellada ao desmantelamento da oficina de denuncias. Non vale alegar que o corpo carece dos recursos necesarios para levar a cabo o traballo con dignidade "iso é tanto como se lles di ás vítimas que fican abandonadas a súa sorte". Que a policía está carente de persoal non é unha novidade "igual que o están outros corpos de seguridade coma os bombeiros"  sinalou Seara.

"Nós pedimos, a través dunha moción, que o Concello se manteña no protocolo VioGen incorporando máis efectivos e creando unha unidade específica de violencia machista" sinalou o voceiro do BNG, Seara. Continuou afirmando que "mentres que algúns prefiren poñer máis cartos para o alumeado de Nadal, prefiren contratar máis persoal eventual, nós apostamos por manter e unha cuestión tan relvante como é o control e o seguimento das mulleres que sofren este tipo de violencia"

Asemade, o BNG insta ao concello a garantir que os distintos profesionais, que participan en calqueira das etapas de atención a mulleres e menores teñan a formación e as ferramentas adecuadas en materia de violencia machista, tendo en conta as circunstancias dos colectivos específicos e, asemade,  colaborará no deseño e posta en marcha dos cursos de formación dirixidos ás unidades de policía especializada na atención a mulleres e vítimas de violencia machista.