O BNG pedirá explicacións no Parlamento pola aparente “vinganza política” contra o xefe de xinecoloxía do hospital de Verín

Noa Presas, deputada por Ourense
Noa Presas, deputada por Ourense

Sorpresa e alarma ante a nova de que hai aberto un expediente sobre un acontecemento sen consecuencias cando non se investigaron feitos graves de violencia obstétrica. Noa Presas pregúntase se a dirección sanitaria de Ourense “non ten outra cousa que facer que axustar contas”.

O BNG pedirá explicacións no Parlamento pola aparente “vinganza política” contra o xefe de xinecoloxía do hospital de Verín

Verín, 21 de novembro de 2020. A deputada por Ourense Noa Presas afirma que a formación recibe “con sorpresa e alarma a noticia de que hai aberto un expediente sobre un acontecemento sen consecuencias cando non se investigaron feitos graves de violencia obstétrica coa separación de bebés e nais nas primeiras horas post parto” e pregúntase se a dirección sanitaria de Ourense “non ten outra cousa que facer que axustar contas”.

No día de hoxe o Diario do Támega avanzaba en exclusiva que presuntamente a xerencia de Ourense tería incoado un expediente disciplinario contra o xefe de xinecoloxía do hospital de Verín, Francisco Javier Castrillo por tratar de impedir un traslado ao Hospital de Ourense o pasado 30 de novembro.

Lembra a deputada nacionalista que “o pasado 22 de novembro de 2019 unha delegación da dirección da EOXI de Ourense, Verín e Valdeorras liderada polo xerente, Félix Ruibal, comunicaba ás e aos profesionais do Hospital de Verín que a partir do 1 de decembro non se prestarían os servizos de sala de partos nin tampouco habería gardas de pediatría hospitalaria”.

Esta decisión chegaba despois dunha longa listaxe de agravios con este Hospital que foi contestada na rúa, tanto nunha histórica manifestación o pasado 30 de novembro de 2019, como con mobilizacións feministas convocadas o pasado 4 de decembro en numerosas localidades do país e en constantes mobilizacións na comarca, na cidade de Ourense e cunha repulsa política xeral en Ourense e na oposición do Parlamento Galego. Finalmente, a Xunta tivo que rectificar e reabrir a sala de partos.

Entre outros feitos graves, o BNG e o feminismo denunciaron no seu día, como ben afirma Noa Presas “situacións como a vivida o 12 de decembro, cando se produciu un parto de urxencia e a velocidade de dilatación era tal que o persoal sanitario de Verín decidiu atender o nacemento no hospital comarcal e evitar os riscos dun traslado”.

Posteriormente sucedéronse graves feitos que precisaron a concorrencia do aparello xudicial e que remataron coa crianza sendo despoxada da súa nai e trasladada de forma separada até Ourense, con horas de diferenza, incumprindo os protocolos na materia e tendo posteriormente ademais un deficiente trato á nai unha vez chegada ao CHUO.

Para Presas “estes feitos constitúen un exemplo de violencia contra as mulleres e non foron investigados polo que sorprende que agora se coñeza un procedemento desta embergadura contra un profesional que se significou publicamente a favor do mantemento do servizo en Verín”.

Parece unha presión política máis por parte da dirección de Ruibal e da política da Xunta de Galiza para coartar aos profesionais e ante o cal, o BNG pedirá explicacións”.

O BNG pedirá explicacións no Parlamento pola aparente “vinganza política” contra o xefe de xinecoloxía do hospital de Verín