O BNG valora os orzamentos da Xunta como unha nova labazada para un Ourense en situación de emerxencia
Noa Presas afirma que sobran promesas repetidas e faltan propostas ambiciosas para frear a crise socio-económica da COVID-19 e superar a crise política que causou o PP con Jácome e o baltarismo.
Ourense, 23 de novembro de 2020. Para o BNG “a letra miúda dos orzamentos son unha mala nova para Ourense, pois un ano máis temos que oír o mantra do investimento per cápita cando a realidade é que a crise demográfica avanza a pasos axigantados e por iso Ourense ten ese dato, porque o peso da poboación é menor”. Así de contundente se amosa a deputada por Ourense Noa Presas ante o proxecto de orzamentos que acaba de remitirlle a Xunta ao Parlamento galego.
Presas ve “con preocupación que o o incremento destes orzamentos responde aos recursos achegados tanto da UE como do Estado, o Goberno galego non estea facendo ningún esforzo extraordinario por aportar máis recursos para enfrontar a crise da covid” ademáis a formación nacionalista insiste en que “non é aceptable que a sanidade ou o ensino, piares fundamentais neste momento, incrementen menos que a porcentaxe de incremento do total dos orzamentos”.
A nivel de Ourense, a deputada nacionalista por Ourense afirmou que “sobran promesas repetidas e faltan propostas ambiciosas para frear a crise socio-económica da COVID-19 e superar a crise política que causou o PP con Jácome e o baltarismo” e engadiu que “é inaceptable que unha vez máis o groso das partidas sanitarias sexan un Plan Director que nin funciona nin se cumpre, cando o hospital de Ourense segue arrastrando carencias como na UCI, que non se resolve só cunha partida raquítica senón que precisa de reforzo de persoal” e faltan apostas que levan pendentes moitos anos como “unha unidade de ICTUS ou unha unidade de xeriatría, ausencia que se notou na crise sanitaria e que segue sen subsanarse” e afirma que “non se pode resolver unha crise sanitaria sen un sobreesforzo económico neste ámbito, e o incremento é mínimo a nivel galego e a nivel Ourense”.
Lamenta ademáis que “a única proposta nova en materia sanitaria para a atención primaria sexa crear un centro integrado de sanidade sen consenso e sen dar máis información cando non se atenden demandas históricas como a mellora do centro de saúde de Mariñamansa ou a construción do centro de saúde do Vinteún, pendente desde hai anos” e que “se siga castigando a Verín cunha contía de menos de 300.000 € para un hospital que a Xunta quere reducir a centro de saúde grande, como amosou ao intentar pechar o paritorio.”
Presas tildou de “tomadura de pelo que durante a fin de semana a Conselleira de Política Social fixera propaganda cando a única aposta nos orzamentos é o CAPD, que é un éxito das familias depois de anos de demanda, pois Ourense segue a ser a única provincia sen telo e o PP xa comprometera o remate para 2018”.
A xuízo do BNG “a inclusión dunha partida importante dá a razón a que emendamos todos estes anos dicindo que non era suficiente, pero segue estando pendente un compromiso coa xestión pública”.
Por outra banda, para o BNG “é inaceptable que non se comprometa unha residencia pública para maiores, para alén do que Feijóo teña pactado con Amancio Ortega, iso non o exime de asumir o compromiso de crear prazas públicas, máis aínda co que leva pasado nesta pandemia” .
Así mesmo, o BNG valora negativamente o baixo esforzo do goberno galego para sacar adiante infraestruturas dignas para Ourense, como amosa a esmola dedicada á integración da estación de autobuses que certifica a renuncia do PP a unha intermodal digna.
O BNG tamén lamenta que nos programas de reparación de vivenda pública ou “REXURBE”, que son fundamentalmente fondos europeos, a Xunta castigue a Ourense consignándolle a menor porcentaxe en comparación coas demais provincias e castigando a cidade e as grandes vilas. O mesmo acontece respecto dos programas de dinamización do comercio, nos que Ourense recibe as menores contías malia que xa tiña unha crise no sector antes da chegada da COVID-19.
Respecto das infraestruturas do ámbito do ensino, o BNG bota en falta unha aposta por necesidades concretas como a ampliación do CEIP de As Mercedes e lamenta que o PP siga obsesionado co Centro de FP sen abrir o orzamento a necesidades de mellora do Campus da Auga ou a localización de programas de investigación.
Así mesmo, para o BNG “é intolerable que o PP estea coartando un debate real respecto do destino que teñen que ter os fondos europeos, e impoña un proxecto de aproveitamento da celulosa do que non se ten información nin contraste no lugar de procurar diversificar alternativas e xerar sinerxias co tecido económico e coa universidade”.
En definitiva, para o BNG de Ourense, estes orzamentos “son unha nova labazada para un Ourense en situación de emerxencia” e trasladará tanto emendas á totalidade como parciais para enfrontar os retos que deixa a COVID-19 e que se veñen a sumar á situación previa con grandes problemas sociais e económicos.