O BNG pide apoiar o comercio de proximidade ante a crise da covid-19

Noa Presas, Maite Rodríguez, Jacobe Ribeiro
Noa Presas, Maite Rodríguez, Jacobe Ribeiro

 

Presas expón en Ribadavia as medidas de apoio ao comercio local e rescate de autónomos que o BNG defenderá no Parlamento o próximo luns para mobilizar máis de 100 millóns de euros

O BNG pide apoiar o comercio de proximidade ante a crise da covid-19

 A deputada nacionalista por Ourense, Noa Presas, presentou na Praza de Abastos de Ribadavia a campaña do BNG de apoio ao pequeno comercio e aos produtos galegos e de proximidade. "Mellor local, mellor galego" xunto á portavoz municipal do BNG de Ribadavia, Maite Rodríguez e representantes institucionais do BNG na comarca.

A nacionalista afirmou que “a crise da Covid-19 recordou a importancia da produción e do consumo próximo ás nosas casas, pero tamén golpea de forma especial o colectivo de autónomos e autónomas, como demostran os últimos datos de emprego do mes de novembro, que son demoledores e que nos deixa en Ourense a segunda maior caída interanual despois de Lugo en réxime de afiliacións” e insistiu en que “Ourense ten 23.353 persoas autónomas que precisan de apoio para saír adiante e ver luz ao final do túnel”.

A deputada lembrou que “ademais de animar a comprar no comercio local nestas datas, e fomentar así o dinamismo da nosa economía local fronte a grandes multinacionais, desde o BNG seguimos insistindo en que a Xunta e o Estado teñen que actuar. Neste sentido, lamentou que “durante esta crise, nin o goberno central nin a Xunta de Galiza están a actuar de forma decidida nesta ámbito, e cómpre un maior esforzo das administracións públicas para desenvolver un verdadeiro plan de choque para un piar da nosa economía.”

Propostas para autónomos e comercio de proximidade nos Orzamentos da Xunta e imposto ás grandes superficies comerciais.

Presas recordou que “o próximo luns terá lugar o debate de totalidade dos Orzamentos da Xunta de Galiza, un proxecto que ignora a realidade da covid-19 como se non existise a pandemia”. Nese sentido, indicou que “desde o BNG consideramos que non hai medidas para auxiliar o sector dos autónomos e autónomas, que están coa auga ao pescozo. É por iso que presentamos na nosa emenda medidas ambiciosas como un Plan de recuperación, impulso e dixitalización do comercio de proximidade por valor de 10 millóns de euros e medidas de rescate para o sector do emprego por conta propia e sectores especialmente afectados pola covid como a hostalería ou o turismo, que suman un total de 100 millóns.”

Ademais, o BNG propón un imposto para grandes superficies comerciais de forma que o impacto ambiental e social causado sexa gravado e se reinvista o recadado no comercio local e de proximidade e remarcou a “importancia de apoiar e dinamizar as prazas de abastos e promover espazos para comercializar directamente produtos da terra como as feiras e mercados”.

O BNG pide apoiar o comercio de proximidade ante a crise da covid-19