O BNG esixe que se investigue a xestión da canceira municipal e reclama a comparecencia da responsable na vindeira Xunta de Área
A formación nacionalista rexistrou a convocatoria dunha comisión mixta entre o Concello e PROGAPE para investigar pormenorizadamente a situación e a xestión actual da canceira
Ourense, 11 de xuño de 2026. O BNG de Ourense esixe que se abra unha investigación sobre a xestión da canceira municipal e reclama que na vindeira Xunta de Área compareza a persoa responsable para dar conta desta situación. A demanda prodúcese tras as últimas informacións nas que a protectora de animais indicou que non podía recoller máis animais por mor da falta de espazo na canceira.
Desde o BNG sinalaron que "preguntamos de forma reiterada, tanto nos plenos como nas Xuntas de Área como á concelleira delegada, que estaba a acontecer coa canceira. Pedimos reiteradamente datos dos animais e nunca están actualizados en tempo e forma".
Neste sentido, o BNG vén de rexistrar a petición de convocatoria dunha comisión mixta entre o Concello e PROGAPE, na que se inclúa a presenza dos diferentes grupos municipais, co obxectivo de investigar pormenorizadamente a situación da canceira e a súa xestión actual.
Para o BNG esta situación é inaudita. "Cantos máis cartos se meten nese convenio, menos control se ten do servizo e menos traballo se fai", sinala a Concelleira nacionalista Erea Blanco. A formación apunta que o convenio de colaboración foi recentemente renovado e que a ampliación económica non deu mellores resultados, "case ao contrario".
O BNG leva varios mandatos alertando da situación da canceira municipal. "Ao Grupo de Goberno dálle igual. Elas o único que non queren é encargarse elas; como sexa ou como funcione non lles interesa", indica a Concelleira nacionalista. Desde o BNG defenden un modelo alternativo: "un servizo municipal con voluntarias, aberto, transparente e que convide á veciñanza a tomar consciencia dos abandonos e a coidar os animais".
O BNG considera que nin por parte da protectora nin por parte do Goberno municipal existe un interese real en dinamizar a canceira. "Non se fan colaboracións cos colexios, non se poñen mesas informativas para concienciar sobre a adopción, non se dan paseos cos animais pola cidade", denuncia Erea Blanco, que cualifica o espazo como unha "fortaleza" completamente desconectada da cidade e da veciñanza.