O BNG instará en Pleno ao Goberno local á eliminación física dos contedores soterrados esparexidos pola cidade

Contedores soterrados Praza do Correxidor
Contedores soterrados Praza do Correxidor

A Formación nacionalista entende preciso proceder á retirada física de todos os contedores soterrados existentes actualmente en diferentes rúas da cidade para a posterior recuperación física dos espazos nos que se instalaron

O BNG instará en Pleno ao Goberno local á eliminación física dos contedores soterrados esparexidos pola cidade

Ourense, 04 de xuño de 2026. Fai 12 anos neste mes de xuño que se precintaron os contedores soterrados instalados en varias rúas da cidade. Segundo o Grupo municipal do BNG “o tempo determinou que a aposta por este sistema de recollida de lixo foi un erro, tanto polos elevados custes de mantemento, habida conta das continuas avarías que acreditaban, como pola xeración de problemas de salubridade e cheiros debido á gran acumulación de lixo, ademais da perigosidade que supuña especialmente para as e os operarios encargados da súa manipulación, dándose o caso dalgún incidente grave”.

O certo é que tal e como sinalan os nacionalistas na súa moción, durante anos, distintos Gobernos locais buscaron solucións, sen éxito, propondo opcións diversas que ían desde a reparación básica até a sustitución completa pero sen que finalmente se concretase ningunha. O seu Portavoz Luís Seara lembra como “o actual Alcalde, prometeu no seu programa electoral de 2019 que se chegaba á Alcaldía, solucionaría o problema nun prazo máximo de 90 días” e engade, “pasaron sete anos e os contedores soterrados seguen facendo parte da imaxe da cidade. Que foi daquela promesa de que ía resolver a desfeita dos Gobernos anteriores?”.

A realidade para o BNG é que “continuamos tendo instalado en varias rúas, algunhas delas na zona histórica, un sistema que non está operativo, que o único que fai é contribuir á degradación da contorna na que se atopan, restar espazo e acumular lixo, suciedade e malos cheiros pois o simple precinto e selado das instalacións non impide que algunhas persoas sigan botando lixo no seu interior”.

Diante desta situación, Seara é contundente ao afirmar que “desde o Grupo municipal do BNG entendemos que é hora de tomar unha decisión en relación cos contedores soterrados que temos esparexidos pola cidade e que actualmente están en desuso, ofrecendo, como xa dixemos, unha lamentable imaxe que contribúe ao feísmo urbano, sendo ademais un foco constante de suciedade e malos cheiros. Non abonda co seu precintado ou selado, consideramos que é preciso retiralos físicamente, recuperando o espazo público no que se ubican”.

O BNG instará en Pleno ao Goberno local á eliminación física dos contedores soterrados esparexidos pola cidade