O BNG pide investigar a conta 'Roslufe @roslufe' e reclama o cese de Rosendo Fernández como deputado de representación institucional se é o seu titular

Grupo Provincial do BNG  María Mangana, Bernardo Varela, Xosé Manuel Puga
Grupo Provincial do BNG María Mangana, Bernardo Varela, Xosé Manuel Puga

Xosé Manuel Puga: "A dignidade das institucións democráticas non pode quedar lixada por comportamentos persoais impropios por parte de quen ten a obriga de representalas e ser exemplo de respecto, responsabilidade e exemplaridade fronte á veciñanza"

O BNG pide investigar a conta 'Roslufe @roslufe' e reclama o cese de Rosendo Fernández como deputado de representación institucional se é o seu titular

O Grupo Provincial do BNG na Deputación de Ourense rexistrou un escrito dirixido á Presidencia da institución no que solicita que se investigue e confirme se o perfil da rede social X "Roslufe @roslufe" pertence a Rosendo Fernández, actual deputado de Representación Institucional da Deputación de Ourense, e que se adopten as medidas oportunas en función do resultado desa comprobación.

No escrito, os nacionalistas solicitan, en primeiro lugar, que a Presidencia da Deputación confirme se a conta "Roslufe @roslufe", que emprega como imaxe de perfil a do deputado provincial Rosendo Fernández, pertence efectivamente ao representante provincial. O grupo provincial do BNG considera que os comportamentos e manifestacións públicas difundidas a través dese perfil resultan incompatíbeis co exercicio dun cargo que ten como principal función representar a imaxe, o prestixio e a dignidade da institución.

En segundo lugar, o BNG solicita que, de confirmarse que a citada conta pertence a Rosendo Fernández, se proceda ao seu cese inmediato como deputado de Representación Institucional da Deputación de Ourense por considerar que os seus comportamentos públicos son incompatíbeis coas funcións do cargo.

Finalmente, os nacionalistas reclaman que, de non existir relación entre Rosendo Fernández e a conta "Roslufe @roslufe", a Deputación poña os feitos en coñecemento das autoridades competentes por un posible delito de usurpación de identidade e impulse as actuacións necesarias para a clausura da conta.

E xunto a este escrito, tal como sinalou Xosé Manuel Puga, deputado provincial do BNG, axuntouse unha pequena escolma de capturas de pantalla que evidencian a gravidade dos feitos referidos.

"Roslufe @roslufe" vén realizando a través das súas redes sociais comentarios e expresións ofensivas, insultantes e impropias dun representante público. Interpelar con insultos como “HDLGP”, “gorrinos”, “bobalicón”, “miserables” ou “ignorantes” a quen manifesta posicións políticas, sociais, ideolóxicas ou partidarias distintas xa é de por si censurábel, máis aínda cando non se trata de reaccións a ataques persoais recibidos nas contas oficiais ou persoais de Rosendo Fernández, tal como sinalou Puga, senón dunha práctica recorrente pola que o propio deputado provincial accede a perfís persoais de terceiros, organizacións ou medios de comunicación para comentar publicacións e opinións que non comparte ideoloxicamente, empregando para iso expresións ofensivas e descualificacións impropias dun representante público que evidencian un claro abuso da posición que ocupa quen debería actuar con respecto, responsabilidade e exemplaridade.

Desde o Grupo Provincial do BNG entendemos que quen exerce responsabilidades de representación institucional debe observar un comportamento exemplar, respectuoso e acorde coa dignidade do cargo que ocupa e que a liberdade de expresión non pode servir de escusa para normalizar comportamentos que danan a convivencia democrática e desprestixian as institucións públicas.

O BNG pide investigar a conta 'Roslufe @roslufe' e reclama o cese de Rosendo Fernández como deputado de representación institucional se é o seu titular