“O conflito do Metal ourensán evidencia que non virá remedio de fóra”

“O conflito do Metal ourensán evidencia que non virá remedio de fóra”

A cabeza de lista do BNG participou na manifestación dos traballadores do Metal e recordou que “o PSOE di que derrogará a reforma laboral do PP mentres vaina a aplicar nesta negociación para recortarlle un día de descanso aos traballadores”.

Noa Presas, cabeza de lista do BNG por Ourense, insistiu esta mañá, despois de participar na manifestación de traballadoras e traballadores do Metal até a sede da patronal en Ourense, en que “as forzas estatais, sexan partidos políticos ou sindicatos, non teñen proxecto para este país porque eles teñen outro país na cabeza”. Presas afirmou que “o conflito do Metal ourensán evidencia que non virá remedio bo de fóra” e lembrou que ela mesma empezou a súa militancia no nacionalismo porque o sindicalismo nacionalista “foi sempre quen me defendeu e defendeu ás traballadoras galegas”.

“O BNG quere facer o mesmo no Congreso, o que estivo facendo estes vinte anos atrás”, insistiu Presas, “poñendo os intereses de Galiza por riba de todo e levando unha voz propia a Madrid, non para repartir ministerios, senón para esixir recursos e autonomía para xestionalos”.

A cabeza de lista do BNG sinalou ademais que o PSOE está a dicir que vai derrogar a reforma laboral do PP “mentres vemos como aquí en Ourense, na negociación do convenio do Metal, membros da candidatura do PSOE van utilizar esa reforma para recortar un día de descanso aos traballadores”.

Noa Presas tamén apoiou a protesta dos emigrantes retornados fronte a delegación de Facenda. Estivo con Carme Bolaño, portavoz dos afectados e candidata ao Senado polo BNG en Ourense. Bolaño recordou que “o BNG tendeu a man aos retornados cando se destapou o problema e por iso lle estamos eternamente agradecidos, e porque sabemos que nos defenderon e defenderán”.

Pola tarde, na xornada máis intensa desde que comezou a campaña, a número un do BNG en Ourense, desprazouse até Verín para participar nun reparto coa militancia da comarca xunto a Diego Lourenzo, tenente de alcalde de Verín e número dous da lista do BNG ao Congreso.

A continuación, Presas participou nun debate aberto con Ana Miranda, candidata do BNG en Pontevedra e representante nacionalista na Eurocámara, sobre a Unión Europea. Ourense, 22 de xuño de 2016