"O BNG sempre inclina os gobernos cara a esquerda"
- Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, animou á militancia a saír o domingo e demostrar que queremos a este país e que non llo imos entregar gratuitamente a ninguén
Noa Presas, cabeza de lista do BNG por Ourense, dixo esta mañá na Rúa onde participou nunha visita ao Centro de Saúde xunto Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, e a alcaldesa María Albert- que hai que botar ao Partido Popular do goberno das administracións para que non continúen os recortes que levan a situacións coma as que se vivirán aquí, na Rúa, este verán co servizo de atención médica reducido a metade porque non se cobren as vacacións, precisamente nunha época na que aumenta a poboación.
A candidata do BNG por Ourense insistiu en que o concello da Rúa é un exemplo de como o BNG, cando ten oportunidade, inclina a balanza dos gobernos cara a esquerda e a unha Galiza de futuro. No que vai de campaña quedou demostrado que nin a dereita nin a esquerda estatais teñen un proxecto para este país, lembrou Presas un día despois do debate en Telemiño.
Noa Presas dixo que no debate quedou en evidencia que a candidata de Ciudadanos está en prácticas, o PSOE é un partido esgotado, o PP xa non ten ningún tipo de crédito i En Marea é simplemente un anexo de Podemos.
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, animou á militancia a saír o domingo e demostrar que queremos a este país e que non llo imos entregar gratuitamente a ninguén. Nin aqueles da vella política que fixeron promesas que se converteron en recortes laborais e sociais nin aos da nova política que volven a facer promesas sen contar con Galiza. A portavoz do BNG non escatimou criticas ás forzas estatais que veñen a buscar o voto a Galiza. Forzas que un día son comunistas, ao día seguinte peronistas e agora socialdemocratas, o BNG loita para que os galegos e galegas teñamos futuro e non estar abocados á precaridade laboral que nos afoga. O BNG quere un ensino público, laico e galego, non quere que só estuden os que teñan máis recursos. A Rúa/O Barco de Valdeorras, 21 de xuño de 2016