O BNG demanda un modelo enerxético galego que xere emprego e evite o espolio dos recursos naturais para beneficiar ás grandes eléctricas
Bernardo Varela “Galiza ten un papel clave polo seu papel produtor de enerxía e de liderado renovable, porén é preciso, impulsar unha nova etapa a través dunha nova planificación pública, ordenada, democrática, consensuada e xusta”
Bernardo Varela, María Mangana e Xose Manuel Puga deputados provinciais do BNG na Deputación de Ourense, comparecían ante os medios de comunicación para trasladar a proposta ante a Deputación dunha nova lei de enerxía de Galiza que trasladarán no pleno deste mes na Deputación de Ourenese e as modificancións propostas polo BNG ao Plan Estratéxico de Subvencións da Deputación e ao Regulamento de funcionamento orgánico da Deputación.
Demandamos da Xunta de Galiza, sinalou Varela, unha Lei para a creación dunha empresa pública de enerxía renovable de Galiza na que a Deputación de Ourense mostres desde xa a súa disposición a participar do seu accionariado. Unha empresa que debe ir acompañada da recuperación para o publico das concesións caducadas das centrais hidráulicas, así como as que caduquen no futuro, para a súa xestión pública e acompañándose da transferencia das competencias en ríos e enerxía e conseguintemente das Confederacións Hidrográficas correspondentes.
Desde a organización nacionalista tampouco esqueceron outra serie de ferramentas precisas para un País como o galego que produce máis enerxía que a que consume. Polo que xunto a xa demanda Tarifa eléctrica galega, os nacionalistas fixeron fincapé a que o ente provincial en todas as decisións que dependan dela no que ten que ver con licenzas, permisos ou autorizacións para a explotación dos nosos recursos naturais por parte de empresas privadas, prevalecerán aqueles proxectos que aposten polo impulso da economía local, baseado na xeración de traballo nas comarcas de instalación do proxecto enerxético. Así tamén demandarán no pleno provincial do 26 de abril que a Xunta de Galiza cree ferramentas de participación local nos proxectos de xeración enerxética.
No ámbito eólico o BNG anunciou que voltará demandar un novo Plan Sectorial Eólico con criterios de preservación do noso territorio e dende un punto de vista social, medioambiental e patrimonial. E corrixir as deficiencias do canon eólico e do Fondo de Compensación ambiental, nomeadamente: calculando o canon eólico deberá en función da potencia instalada, non do número de aeroxeradores
“A enerxía, é un ámbito esencial e estratéxico para calquera sociedade pola súa relevancia na vida das persoas e no desenvolvemento económico e industrial.” Sinalaba o voceiro do BNG na deputación Bernardo Varela.
Galiza ten un papel clave polo seu papel produtor de enerxía e de liderado renovable, porén é preciso, impulsar unha nova etapa a través dunha nova planificación pública, ordenada, democrática, consensuada e xusta que faga que o papel produtor de Galiza favoreza a transformación económica e a xustiza social no marco dun novo modelo enerxético galego. A día de hoxe, sinalaba Varela, estamos a ver como a falta de planificación e ordenación está a lastrar o desenvolvemento renovable e a supoñer unha gran contestación social, cada vez máis transversal, pola súa colisión con outras actividades económicas, cos dereitos de participación da cidadanía e con outros ámbitos estratéxicos para actuar ante a crise climática.
No tocante a Ourense o grupo provincial do BNG facía constar que nos últimos cinco anos, Ourense produciu catro veces máis electricidade que a Comunidade de Madrid, aínda que consumiramos ata 25 veces menos que na capital do Estado. “Consolídase o noso carácter de produtor excedentario, que segue a ser a encargada de abastecer a grandes territorios de presenza industrial mediante a explotación dos seus recursos naturais.”
Unha realidade que contrata fortemente con situacións extremas Galiza como os datos de pobreza enerxética en Galiza cun aumento do 40% de incremento anual, a maior subida de todas as comunidades e o que a nivel concreto supón 209.300 familias galegas , compostas por 514.000 persoas que se atopan en situación de pobreza enerxética nun país como o galego.
Alegacións ao Plan Estratéxico de subvencións da Deputación de Ourense
A principal crítica histórica do BNG ao Plan Estratéxico de Subvencións cos que se reparten fondos entre os concellos é que a maior parte destas subvencións son de carácter nominativo, que é un xeito pouco transparente e democrático de proceder, afirmou Xose Manuel Puga.
De todas as modificacións propostas polo BNG, o grupo de goberno do PP admitiron sete integramente; dúas parcialmente; e desestimaron quince.
O groso das alegacións desestimadas polo PP fan referencia a cambiar os criterios das axudas, e que en vez de ser asignadas de forma nominativa fose asignadas por criterios de concorrencia competitiva. “Especialmente a todo o referido a actividades económicas e do INORDE; e as referidas a actividades culturais e deportivas para que non dependan da capacidade de entendemento do grupo de goberno”
Valoramos positivamente das sete que se nos aceptan, dí Puga, que o apoio económico a patrimonio cultural relixioso sexa a condición de que fiquen abertos ao desfrute da cidadanía no seu conxunto; que o apoio económico deportivo esté destinado ás estruturas deportivas de base; ou o apoio a fundacións culturais como a fundación Vicente Risco.
Porén a alegación máis importante que se nos acepta é a que establece que o 25% dos recursos da Deputación estén destinados a apoiar aos pequenos concellos. Proposta que o BNG xa defendeu no debate dos orzamentos.
Enmendas ao Regulamento Orgánico da Deputación de Ourense.
O BNG ven de presentar varias enmendas ao regulamento orgánico da Deputación, “ o obxectivo das enmendas é mellorar o funcionamento da Deputación, que ten moita marxe de mellora” sinalaba o deputado provincial Xosé Manuel Puga.
A proposta principal de mellora a este regulamento é a referida a aceptación de enmendas ás monicións nos plenos provinciais. O obxectivo é que toda enmenda de substitución ou engádea a unha moción preserve o sentido que grupo propoñente lle deu e non sexa deturpada e para iso proponse que calquer enmenda de engádea ou substitución a unha moción sexa previamente aceitada polo grupo propoñente, e que se non hai acordo que os grupo discordia voten en contra das propostas da moción.
A maiores os nacionalistas propoñen a necesidade de que figure no regulamento a obriga da presencia de interpretes de liguaxe de signos en todos os plenos. A Posibilidade de constituír comisións Ad hoc, cunha quinta parte das persoas que configuran o pleno provincial, e tamén melloras relacionadas coa transparencia.
Como última enmenda ao regulamento os nacionalistas engaden a proposta de renuncia obrigatoria por parte de todos o deputados e deputadas provinciais á percepción de obsequios e agasallos por calquera entidade ou persoa, quedando limitado a aquelas cuestións de carácter protocolarias e que en calquer caso pasaría a formar parte do patrimonio da Deputación.