O BNG abandona a Xunta de Área ante a incomparecencia do Director Xeral de RRHH pese a ter solicitado por Rexistro a súa presenza
O Portavoz municipal do BNG e membro da Xunta de Área de Admon. Xeral e Loxística, Seguridade e Mobilidade, abandonou a reunión diante do que considera “unha falta de respecto e unha tomadura de pelo”.
A formación nacionalista solicitara vía Rexistro o pasado día 10 a comparecencia do Director Xeral de RRHH para que dera conta das consecuencias da sentenza que obriga ao Concello ao despedimento de todo o persoal contratado en base ao capítulo I do Orzamento de 2020
Ourense, 18 de xuño de 2024. Logo de coñecerse a sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Ourense na que, literalmente obriga, en cumprimento da sentenza de anulación do Capítulo I do Orzamento de 2020 por ter obviado a negociación colectiva, desde o BNG solicitouse, vía Rexistro o pasado día 10 de maio, a comparecencia do Director Xeral de RRHH na Xunta de Área prevista para este martes xa que, segundo o Portavoz municipal Luís Seara, “á vista da sentenza, o Director Xeral de Recurso Humanos debe explicar cales son as consecuencias desta sentenza, a cantas persoas afecta e como teñen previsto executala”.
“Desde o BNG xa advertimos e preguntamos en reiteradas ocasións nas propias Xuntas de Área polas consecuencias da sentenza de anulación do Capítulo I do Orzamento de 2020, obtendo sempre a calada por resposta por parte do Goberno Local”, e engade, “sabíamos que as consecuencias económicas eran as máis inmediatas e visibles mais intuíamos que non ían ser as únicas. Agora queda acreditado que así era e por iso solicitamos a comparecencia do máximo responsable de persoal do Concello”.
Seara entende que a ausencia non soamente do Director Xeral na reunión da Xunta de Área celebrada esta mañá senón a ausencia de explicacións por parte do Concelleiro delegado son, “unha tomadura de pelo e unha falta total e absoluta de respecto ao traballo que lexítimamente facemos desde o BNG”, e engade, “ante esta situación decidimos abandonar a reunión xa que diante dunha das cuestións máis relevantes que temos enriba da mesa neste momento, o Goberno Local non pode nin dar a calada por resposta nin moito menos tomarnos o pelo”.