O BNG presenta aos 14 primeiros postos da súa candidatura ao Concello de Ourense nas eleccións de maio de 2027
O actual Portavoz municipal e candidato Luís Seara destaca que “son un equipo de persoas solventes e comprometidas, con experiencia en xestión e preparadas para asumir desde o primeiro minuto o goberno deste Concello”
Ourense, 19 de xullo de 2026. Logo de que o pasado luns 29 de xuño, o BNG presentase públicamente ao actual Portavoz no Concello de Ourense Luís Seara como candidato da Formación nacionalista nas vindeiras eleccións municipais previstas para maio de 2027, este domingo, os exteriores do Arquivo Provincial, no Complexo Cultural de San Francisco, foron testemuña da presentación do resto de persoas que conforman o primeiro tramo da candidatura.
Foi o propio Luís Seara quen presentou ás 13 persoas restantes. Un grupo de mulleres e homes escollidos tamén pola militancia nacionalista. “Persoas solventes e comprometidas, con experiencia en xestión e preparadas para asumir desde o primeiro minuto o goberno deste Concello. Temos unha candidatura que conxuga a representación sectorial coa territorial. Contamos con xente moza, do ámbito académico, sindical ou do asociacionismo veciñal, cultural e deportivo”.
O candidato indicou que “todos os enquéritos dinnos que o BNG converteuse na alternativa a Jácome e de ahí esta candidatura. Ímos a por todas e xa estamos preparados para asumir o reto de gobernar” e engadiu, “presentamos unha candidatura que mistura experiencia, tamén no ámbito da xestión, renovada e que incorpora a persoas que, non sendo militantes, se teñen destacado ao longo da súa vida por un compromiso inquebrantable na defensa de Ourense e do país”.
Seara destacou que as persoas que o acompañan na candidatura comparten a necesidade de dar un paso adiante para mudar a realidade de Ourense. “Temos potencial para ser moito máis. Potencial económico, turístico, cultural e patrimonial, pero ese potencial está secuestrado. Ourense precisa boa xestión porque gobernar é facer que o Concello funcione, é crear oportunidades, é coidar aos barrios e ás parroquias e é escoitar á xente”.
“Estamos aquí para propoñer, para construir. Porque hai outro xeito de gobernar. Un xeito serio, responsable, que mira ao futuro. Imos poñer Ourense a funcionar. Imos construir o futuro que as veciñas e veciños merecen, poñendo aos barrios e á xente no centro das políticas. Recuperando os espazos públicos, apostando por aqueles elementos que nos singularizan, atraendo investimento e facendo que as nosas mozas e mozos poidan quedar aquí para desenvolver o seu proxecto de vida”.
Luís Seara deixou claro que “Ourense precisa un Alcalde e un Goberno local que dignifique o Concello que representa. Precisa diálogo, non bloqueo. Precisa proxecto, non improvisación” e finalizou, “Ourense precisa cambiar para avanzar”.
1º tramo da candidatura do BNG ao Concello de Ourense nas eleccións municipais de maio de 2027.
1.- Xosé Luís Seara Fernández.
Actual Concelleiro-Portavoz municipal no Concello de Ourense. Diplomado en Maxisterio.
2.- Rhut Marina Reza Álvarez.
Actual Concelleira no Concello de Ourense. Licenciada en Ciencias do Mar.
3.- Xosé Manuel Puga González.
Actual Concelleiro no Concello de Ourense. Diplomado en Maxisterio. Ex-xefe de gabinete da Consellería do Medio Rural. Xestor de Fondos europeos.
4.- Erea Blanco Gallego.
Actual Concelleira no Concello de Ourense. Licenciada en Filoloxía.
5.- Xurxo Rodríguez Sánchez.
Auxiliar político do Grupo municipal do BNG. Responsable local do BNG. Licenciado en Ciencias políticas e da Administración.
6.- María González Rodríguez.
Licenciada en Historia.
7.- Hadrián Alonso Álvarez.
Licenciado en Historia. Traballador da hostalería. Membro da Plataforma vivenda xa!
8.- Elena Añel Cabanelas.
Doutora en Psicopedagoxía. Secretaría de Universidade e Servizos Xurídicos da CIG.
9.- Xosé Diz Romay.
Funcionario da Xunta de Galiza.
10.- María Novoa Gómez.
Licenciada en Ciencias empresariais. Membro da directiva da AV San Breixo de Seixalbo e da Asociación Cultural Agromadas.
11.- Félix Souto Iglesias.
Doutor en Física. Licenciado en Química. Graduado en Ciencias Ambientais. Profesor no IES Otero Pedrayo.
12.- Laura Magalhaes de Andrade.
Licenciada en Dereito. Especialista en dereito ambiental e urbanístico.
13.- Máximo Sotelo García.
Enxeñeiro industrial. Profesor universitario. Xefe do Servizo de electromedicina do CHUO (xubilado).
14.- Chelo López Caride.
Traballadora do Servizo da ORA.