O BNG reclama cumprir os acordos para implantar o transporte metropolitano de Ourense e rexeita "volver ao punto de partida"

Xosé Manuel Puga Deputado do BNG na Deputación de Ourense
Xosé Manuel Puga Deputado do BNG na Deputación de Ourense

Xosé Manuel Puga considera "inaceptable" que, tras dous anos de traballo, Deputación e Concello de Ourense pretendan abandonar o modelo consensuado alegando criterios económicos

O BNG reclama cumprir os acordos para implantar o transporte metropolitano de Ourense e rexeita "volver ao punto de partida"

O deputado do BNG na Deputación de Ourense, Xosé Manuel Puga, reclamou que se respecten os acordos acadados no seo do Comité Técnico-Político do transporte metropolitano celebrada hoxe pola maña e advertiu de que o Bloque "non aceptará volver ao punto de partida" despois de preto de dous anos de traballo entre a Deputación, o Concello de Ourense e os municipios da contorna.

Puga lembrou que o consenso alcanzado durante este tempo pasaba por aproveitar a nova concesión do transporte urbano da cidade para ampliar as liñas existentes cara aos concellos limítrofes, mentres a Xunta de Galiza asumía a reorganización das rutas interurbanas da súa competencia para integralas no novo sistema.

"Falamos dun modelo que permitiría que a veciñanza dos concellos da contorna puidese desprazarse con máis facilidade á cidade e que, ao mesmo tempo, as persoas residentes en Ourense puidesen acceder aos municipios limítrofes mediante un sistema coordinado e eficiente", explicou.

Porén, o deputado nacionalista amosou a súa preocupación porque tanto o Concello de Ourense como a Deputación estean agora defendendo modificar o modelo inicialmente acordado, argumentando que a extensión das liñas urbanas suporía un custo económico elevado.

Para o BNG, esta posición supón "desandar todo o camiño percorrido" e pon en risco a posta en marcha dun servizo estratéxico para o desenvolvemento da área metropolitana.

"Este non é un problema de cartos. Por moito que falásemos dun millón, de dous ou de tres millóns de euros, non hai escusa para renunciar a un transporte metropolitano que xeraría importantes beneficios económicos, sociais e ambientais", afirmou Puga.

O deputado incidiu en que a implantación deste modelo favorecería a actividade comercial e económica de toda a contorna de Ourense, contribuiría á fixación de poboación nos concellos do rural ao facilitar os desprazamentos diarios e permitiría reducir o número de vehículos privados que acceden á cidade, mellorando tamén a mobilidade e reducindo as emisións contaminantes.

"O transporte metropolitano non pode analizarse unicamente desde unha perspectiva contable. Ten unha clara rendibilidade social, económica e ecolóxica que xustifica plenamente o investimento necesario", sinalou.

Por todo iso, o BNG reiterou a necesidade de executar os acordos alcanzados durante estes dous anos de traballo, mantendo a extensión das oito liñas do transporte urbano de Ourense cara aos concellos limítrofes e coordinándoas coas rutas concesionadas pola Xunta de Galiza.

"Non ten ningún sentido volver comezar desde cero despois de dous anos de negociacións e consensos. A cidadanía non entendería que todo o traballo realizado acabase nun caixón por unha cuestión exclusivamente económica", concluíu Xosé Manuel Puga.

O BNG reclama cumprir os acordos para implantar o transporte metropolitano de Ourense e rexeita "volver ao punto de partida"