O BNG insta ao Goberno galego á posta en marcha dun Plan de renaturalización na cidade de Ourense
O deputado Iago Tabarés considera preciso que o Executivo galego, en coordinación co Concello, mellore as infraestruturas e zonas verdes da cidade así como a masa arbórea, prestando especial atención “a aqueles barrios cun maior déficit e carencia deste tipo de zonas”
Ourense, 22 de xullo de 2026. A infraestrutura verde urbana, entendida esta como o conxunto de espazos axardinados, arborado viario, parques e zonas naturalizadas existentes na trama da cidade, constitúe, segundo sinalan desde o BNG, “un elemento determinante para o benestar físico, social e psicolóxico da poboación, ademais dos seus xa recoñecidos beneficios ambientais”.
O deputado por Ourense Iago Tabarés lembra que “desde o BNG xa temos alertado en anteriores ocasións sobre a situación do patrimonio arbóreo da cidade de Ourense. Desde hai anos non deixa de minguar como consecuencia tanto da execución de obras como polo mal estado de moitos exemplares, debido á falla de coidados, a intervencións mal realizadas ou a unha ubicación incompatible co seu crecemento natural”.
Tabarés sinala que “neste contexto, o Concello de Ourense anunciou hai xa case tres anos a elaboración dun proxecto para a plantación de 10.000 árbores na cidade, iniciativa que en outubro de 2023 o Alcalde trasladou ao Presidente da Xunta, quen manifestou a súa vontade de estudala como medida fronte ao cambio climático e mesmo avanzou a posibilidade de convertela nunha experiencia piloto extensible a outras cidades de Galiza”.
A actualidade ven confirmar, con datos obxectivos e comparados, a gravidade desta situación. Nun recente informe da organización Amigas da Terra, elaborado en colaboración coa Universidade Politécnica de Madrid, Ourense aparece, xunto con Valencia, como unha das cidades peor situadas de entre as dez cidades españolas analizadas no relativo ao acceso da poboación a zonas verdes.
Segundo sinala Tabarés, “o informe conclúe que arredor do 78% da poboación de Ourense carece de acceso a unha zona verde minimamente axeitada, e que apenas o 9% do solo residencial da cidade conta con cobertura vexetal, a porcentaxe máis baixa de todas as cidades estudadas”.
Logo máis de dous anos despois do compromiso adquirido pola Presidencia da Xunta coa recuperación do patrimonio arbóreo da cidade de Ourense, desde o Grupo parlamentar do BNG no Pazo do Hórreo, instarán ao Executivo galego “para que poña en marcha un plan de renaturalización na cidade de Ourense, mediante ampliación e mellora das infraestruturas e zonas verdes, así como do seu patrimonio arbóreo, prestando especial atención a aqueles barrios cun maior de déficit e carencias de zonas verdes e fixando, en todo caso, un calendario concreto de execución.”