O BNG advirte que a supresión da ORA implica que Ourense quedará sen guindastre municipal
O Grupo municipal do BNG reafirma a súa oposición á supresión da ORA mais advirte que como consecuencia de dita supresión, a cidade pode quedar sen guindastre municipal pois ambos servizos figuran no mesmo contrato
Ourense, 24 de outubro de 2025. O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense ratifica o seu posicionamento contrario á supresión do Servizo da ORA previsto para o vindeiro 1 de xaneiro de 2026 e tal e como se recolle na Ordenanza reguladora das Zonas de Baixas Emisións (ZBE), recentemente aprobada de xeito definitivo. Segundo o Portavoz nacionalista Luís Seara “esta é unha cuestión de enorme relevancia xa que a supresión da ORA pode provocar un efecto dominó na mobilidade do concello e mesmo ter efectos contrarios aos agardados, algo do que nós vimos advertindo desde hai tempo”.
Pero máis alá da supresión do estacionamento regulado, no BNG pregúntanse que vai acontecer co guindastre municipal xa que este servizo atópase inxerido no mesmo contrato que o da ORA e é prestado pola mesma empresa a cal, deixará de operar o día 1 de xaneiro de 2026. Luís Seara sinala que “temos preguntado en varias ocasións ao Goberno Local por como pensa resolver esta cuestión e até o de agora o único que obtivemos foi a calada por resposta” e engade, “estamos a falar dun servizo moi importante e entendemos que unha cidade como a de Ourense non pode quedarse sen guindastre municipal”.
Desde o BNG trasladan a necesidade de que o Executivo de Jácome aclare “se os guindastres cos que traballa actualmente a empresa son de titulariedade municipal quen vai empregalos a partir do día 1 de xaneiro, vai ser persoal contratado, persoal municipal ou sinxelamente non se van empregar e a cidade vai quedar sen este servizo”.
Finalmente desde a formación nacionalista insisten que diante desta situación “cómpre avaliar seriamente a posibilidade de remunicipalizar o servizo de guindastre”.
Seguimento as e aos traballadores da ORA.
Iguamente desde as filas nacionalistas pídenlle ao Goberno Local “máxima atención e vixilancia ante a posibilidade de que a empresa, sabedora de que deixará de prestar servizos no Concello de Ourense a partir do 1 de xaneiro de 2026 pretenda menoscabar ou furtar dereitos laborais ás e aos traballadores do Servizo. O Concello ten que permanecer atento e velar polo interese deste persoal”.