O BNG amosa todo o seu apoio ao Grupo Municipal no Concello de Ourense e asegura que continuará traballando na alternativa que Ourense precisa
Noa Presas: “a pesares dos lamentábeis comportamentos aos que Jácome xa nos ten acostumados, con insultos, inxurias e faltas constantes de respecto, non vai facer que o BNG deixe de traballar arreo na alternativa que este concello merece”
Ourense, 12 de febreiro de 2022. O BNG de Ourense amosou esta mañá todo o seu apoio e respaldo ao concelleiro Luis Seara e a concelleira Rhut Reza tralos últimos acontecementos acaecidos no pleno do concello e onde Jácome expulsou ao portavoz da formación nacionalista logo de insultalo gravemente.
Na rolda desta mañá participaron membros do Consello Local do BNG así como diversos cargos institucionais entre os que destacaban a deputada Noa Presas, quen actuou como voceira, o deputado Iago Tabarés, Bernardo Varela Deputado Provincial así como Marta Gómez, Secretaria Xeral de Galiza Nova entre outros.
Noa presas comezou a súa intervención amosando todo o apoio da organización á concelleira Rhut Reza e ao concelleiro Luis Seara tralos lamentables incidentes do pleno de onte.
Presas agradeceu igualmente “a todas as persoas que nas últimas horas teñen amosado o seu apoio e solidariedade ao BNG. Reiteramos o agradecemento ao resto de membros da corporación polas mostras de apoio recibidas aínda que ben é certo que nos gustaría que o PP, ademais de abandonar o pleno puxera fin a esta situación xa que está na súa man facelo”.
Desde o BNG quixeron trasladarlle á veciñanza de Ourense “que a pesares dos lamentábeis comportamentos aos que Jácome xa nos ten acostumados, con insultos, inxurias e faltas constantes de respecto, non vai facer que o BNG deixe de traballar arreo na alternativa que este concello merece”.
Nesa liña, Noa Presas asegurou que “Jácome está en tempo de desconto e nós queremos trasladarlle á veciñanza unha mensaxe de esperanza e de que esta situación ten data de caducidade”, ao que engadiu, “Jácome que viña a cambiar a política tradicional ourensá é o responsábel de que nada cambie e demostrouno mantendo a Baltar á fronte da Deputación”.
“O de onte no pleno non é un ataque contra nós, e de selo, é o de menos, o triste é que é unha máis das que leva feito este Goberno desde o inicio do mandato. Quen realmente sofre as consecuencias desta forma de actuar son as veciñas e os veciños de Ourense”.
Para a formación nacionalista “o importante non é que insulte ao noso portavoz senón que ao longo deste mandato se acabase coa UPO, se desmantelasen concellarías como pode ser Participación Cidadá, Xuventude ou Educación, pretenda desmantelar a oficina do PERI, que manteña o termalismo paralizado ou que se perdan fondos europeos, en definitiva, que teña a Ourense en coma”.
Agora ben, para o BNG o que demostra o acontecido “é que estamos atinando e iso é algo que pon nervioso a Jácome. Somos a alternativa para cambiar o destino deste concello e niso estámonos centrando”.
Por último, a deputada por Ourense no Pazo do Hórreo Noa Presas lanzou unha mensaxe de esperanza, “sabemos o que hai e queremos contar coa veciñanza de Ourense para reverter este mal soño e non gastar máis tempo con debates estériles”.
“Levamos meses traballando arreo nunha alternativa serie e rigorosa, no BNG temos proxecto de cidade e todos os nosos esforzos centraranse nos vindeiros meses en seguir mantendo contactos coa veciñanza e con tódolos sectores e ámbitos da sociedade tal e como levamos facendo desde o inicio do mandato para afortalar a alternativa que o Concello de Ourense precisa e que virá da man do BNG”.