O BNG aposta por promover novas incorporacións e a recuperación de viñedos históricos para o Ribeiro
- Presas: “Hai que promover axudas directas para facilitar superar o impacto do coronavirus e liñas de crédito a xuro cero”
- As nacionalistas pensan que esta crise pode ser unha oportunidade para construír un novo modelo vitícola para a comarca do Ribeiro
A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, reivindicou medidas urxentes para o sector vitivinícola do Ribeiro con axudas directas e a elaboración dun plan de promoción de novas incorporacións e a recuperación de viñedos históricos, así como a promoción integral do Ribeiro. Presas destacou que esta crise pode supoñer unha oportunidade para “un novo modelo vitivinícola na zona do Ribeiro” durante un encontro co sector onde puxo tamén en valor a importancia do produto local e próximo.
Presas mantivo unha reunión co sector vitivinícola acompañada da voceira do BNG en Ribadavia, Maite Rodríguez, e o voceiro de Leiro, Xacobe Ribeiro, onde puxeron de manifesto que a crise da covid-19 amosou debilidades do modelo do Ribeiro e “agudizou problemas que se viñan arrastrando desde hai anos”. Co peche dos principais clientes dos produtores- restaurantes, adegas de viño, tendas especializadas- existe unha crise de distribución alarmante que se engade “á incerteza dos próximos meses tanto en termos de consumo como de produción”.
Desde a formación nacionalista conciben como fundamental que se tomen medidas urxentes por parte da administración pública xa que aseguran que a falta de ventas “vai vir acompañada por unha diminución do valor da uva e do viña pondo en serias dificultades ao sector”. “Hai que promover axudas directas para facilitar superar o impacto do coronavirus e liñas de crédito a xuro cero para que as empresas e produtores poidan ter liquidez. Tamén é vital un plan de promoción de novas incorporacións e a recuperación de viñedos históricos xa que nestes momentos a DO do Ribeiro está en mínimos históricos de plantación” enumero Noa Presas, candidata do BNG por Ourense.
A nacionalista asegurou que non só non se pode permitir un só peche senón que esta crise ten que xerar tamén oportunidades económicas para atraer persoas que veñan ao rural e desenvolvan o seu proxecto de vida. Amais, a candidata destacou que a súa formación defenderá levar a cabo unha “promoción integral do Ribeiro, conxugando o valor patrimonial, cultural e histórico coa enocultura e captar visitar e mercado nun momento no que o consumo de turismo interno vai ser fundamental”. Presas aproveitou a ocasión para destacar o cambio de conciencia social durante a crise da covid-19 na que se deu conta da importancia do produto local e de proximidade.
Así mesmo, o BNG explicou que continuará a traballar en liñas fundamentais para todas as DO coma o establecemento xeneralizado de contratos homologados, que sexan obxecto de negociación e mesmo fixando garantías de prezos mínimos, de cobro e calidade de produción.