O BNG celebrou a primeira reunión do seu “obradoiro de ideas”
Os obxectivos dos nacionalistas pasan non por elaborar un programa electoral senón por xerar creatividade, imaxinación e iniciativa para idear e definir o modelo de concello do futuro, para o cal valoran aprender do feito e das experiencias dos participantes
Ourense, 10 de outubro de 2022. O BNG de Ourense celebrou a primeira reunión do seu “obradoiro de ideas”. Nela participaron persoas relacionadas coa propia administración mais tamén do mundo económico, cultural, social, do ámbito da mobilidade, do urbanismo e mesmo do deportivo.
A través da experiencia e dos coñecementos de todas as persoas participantes, no BNG márcanse como reto non elaborar un programa electoral senón reflexionar e avaliar a situación actual do Concello de Ourense desde todos os puntos de vista para a partires de aí deseñar proxectos e liñas de actuación a impulsar para tentar reverter a situación actual.
Durante a reunión o Portavoz municipal e candidato á alcaldía Luís Seara agradeceu o compromiso e a implicación de todas e todos os participantes ao tempo que avanzou que o obxectivo último é “ofrecerlle á veciñanza de Ourense unha alternativa seria e rigorosa e cun proxecto crible e baseado no coñecemento da situación actual, das necesidades urxentes do concello e nas propostas realistas e transformadoras que muden a situación e lle devolvan ás veciñas e veciños o orgullo de ser de Ourense”.
Pola súa banda a deputada Noa Presas, encargada de moderar a xuntanza, destacou a ampla experiencia persoal e profesional das persoas participantes con perfís diversos e que “desde unha perspectiva diferente á que se manexa habitualmente dentro das formacións políticas sen dúbida aportarán grandes ideas e iniciativas”.
De entre os perfís dos participantes destacan técnicos da administración local, ex alcaldes e conselleiros da Xunta, emprendedores, creadores culturais, expertos en urbanismo, en mobilidade e arquitectura, do mundo empresarial e económico así como do ámbito social, do terceiro sector e o deportivo.
Os traballos terán continuidade nas vindeiras semanas coa posta en común das propostas que vaian xurdindo dentro de cada unha das áreas de traballo establecidas.