O BNG chama a fortalecer Ourense con emprego e dereitos fronte ás “blindaxes” artificiais do PP

Xose Manuel Puga, Bernardo Varela e María Mangana
Xose Manuel Puga, Bernardo Varela e María Mangana

Bernardo Varela: “O PP pretende “blindar” escanos mentres leva medio século desertizando demograficamente as comarcas de Ourense e a pregunta é tamén para qué?”

O BNG chama a fortalecer Ourense con emprego e dereitos fronte ás “blindaxes” artificiais do PP

Bernardo Varela, portavoz do grupo provincial do Bloque Nacionalista Galego na Deputación de Ourense, considera unha mostra de trilerismo político as recentes declaracións do presidente da Deputación de Ourense, do Partido Popular, nas que reclama “blindar a representación territorial” para evitar que territorios con maior crecemento demográfico gañen peso institucional fronte a territorios como Ourense.

Para o portavoz dos nacionalistas na Deputación resulta inaceptable que o PP, o partido que leva gobernando Ourense de maneira ininterrompida durante máis de catro décadas pretenda agora presentarse como defensor do peso político de Ourense cando é precisamente o Partido Popular o máximo responsable do seu declive demográfico, económico e social. Cabe recordar que xa no ano 1993 se perdera o quinto Deputado que daquela nos representaba.

Dende aquel 1993 o PP seguiu a impulsar políticas que amosaron favorecer a emigración da xente nova, o envellecemento poboacional e o abandono do rural, entre elas o recente apoio ao acordo do MERCOSUR que causará graves consecuencias ao noso sector primario,  deixando as comarcas da circunscripción de Ourense sen oportunidades laborais, sen servizos públicos suficientes e sen proxecto de futuro. O resultado é unha merma de habitantes e en consecuencia, de capacidade de representación.

Para o BNG, a preocupación do PP non é defender Ourense nin mellorar a vida da súa xente, senón conservar cotas de poder. Históricamente, os populares prefiren territorios demográficamente desertizados e dependentes, que garantan un control clientelar. Agora, cando as consecuencias desa estratexia se traducen en menor peso político, pretenden mudar as regras de xogo para manter privilexios.

Non se pode reclamar “blindaxes” institucionais mentres se abandona e aboca a Ourense á perda de poboación. A verdadeira defensa de Ourense pasa por políticas activas de reindustrialización, de emprego digno, servizos públicos fortes, vivenda accesible e apoio real ao rural, para que a xente poida vivir e traballar aquí. E tamén por decir non ao Mercosur.

O BNG seguirá traballando porque a circunscripción electoral manteña o peso político que lle corresponde e iso pasa por dotar a todas as nosas comarcas con futuro e con máis poboación, porque a mellor maneira de gañar peso institucional é gañar habitantes, dereitos e oportunidades, non manipular a representación democrática para tapar décadas de mala xestión.

Bernardo Varela remataba sinalado que de nada vale ter deputados ourensáns en Madrid, se estes non exercen como defensores do propio territorio, si son “cuneros” ou como tal se comportan que antepoñen os intereses do seu partido ós da cidadanía. O PP e o PSOE ten tido moitos deputados e deputadas en Madrid e non semellan que esa suposta representatividade política teña servido para para axudar no avance de Ourense. Reivindicamos por suposto a necesidade de manter a representación política en Madrid, pero sobre todo que esa representación sirva para poñer enriba da mesa as infraestruturas, os servizos e as políticas de desenvolvemento económico e social que aínda dependen do Estado español.

O BNG chama a fortalecer Ourense con emprego e dereitos fronte ás “blindaxes” artificiais do PP