O BNG chama en Ourense á rebelión social
Proseguen os actos do BNG dentro da campaña Día da Patria Galega 2012 Rescata os Teus Dereitos. En Bloque Podemos! Esta mañá o portavoz nacional, Guillerme Vázquez, protagonizou un reparto de material informativo polas rúas de Ourense. Alí, nun encontro cos meios, dixo que «todas as alarmas están acesas» e que, en apenas 6 meses de exercicio de goberno, o Executivo de Rajoy «actúa xa como un pato mareado».
«É un goberno groggy», un goberno superado polos acontecimentos, enfatizou. «Non podemos continuar pola liña dun goberno pilotado por un mando a distancia que manexa Merkel desde Alemaña», subliñou, non sen antes cualificar de «inmoral, inxusta, inútil e a todas luces suicida» a política que desprega o goberno do PP.
Rescatan a banca, saquean o pobo
«Este goberno actúa como un pato mareado. Incide en políticas que, lonxe de resolver as cousas nun sentido positivo, as empiora unha e outra vez», denunciou o líder nacionalista. «Rescatar á banca ao tempo que se saquea o pobo é unha política que nos conduce ao desastre e que nos vai facer retroceder como sociedade varios decenios», alertou.
Para o BNG non fica outra que a «rebelión social» e nese sentido chamou ao conxunto da sociedade galega a «facer fronte a políticas que engordan máis aos que máis teñen e que irán afondar dramaticamente as desigualdades sociais». «Aos que hai que meter en cintura é aos especuladores e non ao pobo traballador», aseverou.
Cambio de rumbo ou estamos perdidos
«Cambio de rumbo ou estamos perdidos», recapitulou. E esclareceu que significa cambio de rumbo: «Significa dicer que esta UE non nos serve. Esta UE nos enterra. E si hai que dicer que con este euro, non, así non, pois haberá que dicelo tamén».
Cambio de rumbo significa tamén «recuperar a democracia» e mudar radicalmente as políticas «económica e social». «Hai que avanzar nunha dirección moi diferente», dixo Guillerme, quen a seguir remarcou que hoxe a sociedade ten unha «oportunidade» de expresar a «nosa disconformidade colectiva coas políticas do PP» asistindo masivamente ás manifestacións que convocan os sindicatos.
Un día da patria galega masivo
«Do mesmo xeito, a grande manifestación que convocamos como BNG para o 25 de Xullo tamén é unha excelente oportunidade para expresarmos a nosa contestación a estas políticas», subliñou, ao tempo que fixo un convite a participar na marcha nacionalista «a todas e a todos».
Mostrou a súa convicción de «miles e miles» de persoas secundarán estas manifestacións e chamou a transformar «o cabreo que atravesa moitas capas sociais» en «decisión de actuar, en decisión de non rendernos, en decisión de dicer que si hai alternativas, as que desde hai moitos meses leva defendendo o Bloque Nacionalista Galego».