O BNG compromete no Ribeiro emendas aos Orzamentos da Xunta para blindar a Atención Primaria no rural
. Presas sinala que “o Centro de Saúde de Ribadavia, que cae a cachos, é unha metáfora de 11 anos de Partido Popular deteriorando a Atención Primaria” e avanza que o BNG presentará unha partida específica para garantir a súa reforma.
. O BNG presentará outras medidas de apoio á comarca como o impulso á DO, un centro de día, melloras na residencia ou a atencion a problemas como o arsénico de Castrelo de Miño.
Ribadavia, 12 de decembro de 2020. A deputada nacionalista Noa Presas mantivo un encontro diante do Centro de Saúde de Ribadavia, que actúa como PAC, acompañada dos voceiros municipais do BNG de Ribadavia, Maite Rodríguez; Leiro, Xacobe Ribeiro; Castrelo de Miño, Esteban Suárez; e o de Cenlle, Gabriel Alberte, para reivindicar medidas de apoio á Atención Primaria da sanidade pública na comarca, e avanzar diferentes propostas que o BNG defenderá para incorporar no Proxecto de Orzamentos da Xunta de Galiza, que se está a tramitar na Cámara galega.
Presas sinalou que “se algo amosou a covid-19 é a importancia de ter un servizo sanitario forte e próximo á poboación, e tamén todas as carencias de falta de persoal e de infraestruturas deficientes” para engadir, “desta crise ten que saír un Novo modelo de Atención Primaria para o que o BNG esixe un Plan de 250 millóns de euros para a mellora de dotacións, persoal e carteira de servizos.”
A deputada por Ourense tamén sinalou que “a covid non rematou, como ben sabe esta vila que estivo con medidas moi fortes até onte, e o “confinamento” da Atención Primaria ten que ser corrixido e compensado cunha reapertura progresiva e a recuperación das citas e revisións anuladas. Polo tanto demandamos tamén un Plan de continxencia para garantir a continuidade e equidade na asistencia sanitaria (doentes covid, resto de patoloxías e eliminación de listas de espera) por valor de 150 millóns”.
Para o BNG é necesario tamén que os compromisos sexan firmes e non promesas ao aire ante o que Noa Presas sinalou que “nos orzamentos non vén un só euro sinalado especificamente para o PAC de Ribadavia, como si aparece para centros de saúde de Vigo ou de Lugo, unicamente hai dúas partidas xenéricas para todo Galiza que suman 9 millóns dos que a Ourense lle correspondería só o 4 por cento, polo que resulta difícil de crer que cunha contía aproximada de 360.000 euros se poidan financiar o novo centro de saúde da Rúa e unha reforma adecuada en Ribadavia e en Arnoia, polo tanto o BNG presentará unha partida singularizada e específica para que o PP vote si ou non e saber realmente as súas intencións respecto dunha obra que é urxente, pois vistas as actuacións respecto do consultorio de Barbantes, que é indecente que siga pechado con desculpas, só cabe desconfiar”
Outras medidas urxentes para o Ribeiro
O BNG avanzou tamén emendas para mellorar a atención á poboación máis maior, apostando por un novo centro de día en Ribadavia e a mellora da residencia de maiores para adaptala a un novo modelo de atención post covid.
Así mesmo, comprometeron medidas de apoio económico para o impulso da D.O. e a atención de débedas históricas como o bombeo para evitar a presenza de arsénico nas augas de Castrelo de Miño xa que, segundo Noa presas, é “algo que o PP e os tránsfugas que pactaron a moción da vergoña ignoran porque só se ocupan dos seus salarios”.