O BNG cualifica como “insuficientes” os Orzamentos do Estado para Ourense e avanza presentación de emendas

Noa Presas
Noa Presas, deputada por Ourense
  • Presas lembra que a modernización da vía Ourense-Lugo está incluída grazas ao acordo de investidura acadado polo BNG. Bota en falta investimentos na mellora de estradas.

 

  • Sinalou que a proposta realizada polo goberno central de PSOE-UP non cobren as necesidades das comarcas ourensáns.
O BNG cualifica como “insuficientes” os Orzamentos do Estado para Ourense e avanza presentación de emendas

Ourense. A deputada do BNG no Parlamento de Galiza e membro da Executiva Nacional do BNG, Noa Presas, valora como “escasos” a partida dos Orzamentos do Estado para a circunscrición de Ourense. Segunda a formación nacionalista, os OXE só recollen melloras tras o acordo logrado polo BNG no Congreso pero continúan sendo insuficientes para as ourensáns e ourensás. Presas adiantou que a súa organización realizará emendas aos Orzamentos para conseguir unha mellora real e lograr que os recursos das comarcas ourensáns non baixen “no medio dunha crise sanitaria”.

A deputada nacionalista, Noa Presas, valorou os Orzamentos do Estado, coñecidos na tarde de onte, en chave ourensá. Neste sentido, afirmou que “este orzamento supón unha tímida corrección fronte ao recorte que quixeron aplicar PSOE e UP no ano 2019, pero continúa a ser insuficiente pois, no medio dunha crise sanitaria e económica sen precedentes, Ourense non pode permitirse que os recursos baixen. Esta parte do país precisa de impulso público e hai, ademais, que compensar décadas de incumprimentos e de infraestruturas demoradas”.

Presas continuou sinalando que “Ourense non pode conformarse coa desculpa de que vai acabando o AVE e acaban os investimentos, porque esta parte do país ten moitas necesidades, como un servizo de tren de proximidade ou cercanías como xa teñen Asturias ou Cantabria”. Nese sentido, aínda que a organización nacionalista ve positiva a incorporación de partidas para a modernización do tramo Ourense-Monforte-Lugo, como o BNG esixiu no Acordo de investidura, entenden que hai marxe de mellora. Por este motivo e co fin de incrementar a partida orzamentaria, o BNG adiantou que presentarán emendas aos OXE.

Así mesmo, desde o BNG amosou a súa preocupación ante as obras do Arqueolóxico de Ourense, posto que, segundo aparece reflexado no documento, non rematarán até 2024. O BNG denunciou que non se incorporen ou transfiran novas contías para o ámbito dos equipamentos. Por outra banda, o BNG lembrou que “a Variante norte de Ourense, tramo Eirasvedras-Quintela tería que terse rematado en 2021 e agora vemos como a demora chega a 2024 e no 2021 só se contempla o proxecto, cando cumpriría acelerar os prazos” e por outra banda apelou a traballar para que a Variante de Ourense non quede unha vez máis nas letras dos orzamentos, pois levamos décadas de incumprimentos de PP e PSOE. A formación nacionalista tamén bota en falta investimentos en mellora de estradas e entende insuficientes a contías consignadas.

O BNG valorou tamén negativamente que o Ministerio de industria, comercio e turismo e o de Ciencia e Innovación destinen 0 euros para Ourense cando as necesidades son moitas e se algo demostrou a crise da covid-19 é que o tecido económico non pode descansar só no sector servizos e que os países que apostaron pola ciencia e a innovación están tendo máis fortalezas. É sorprendente tamén que coas graves carencias de conectividade que ten Ourense non haxa un só euro territorializado no Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.

Finalmente, Presas lembrou que “tal e como avanzou xa o noso deputado no congreso Néstor Rego, o Bloque Nacionalista Galego considera o total dos investimentos territorializados destinados á Galiza como insuficientes por non compensar o déficit histórico en equipamentos e infraestruturas e no proceso de negociación que se abre agora, imos traballar para que esa cantidade se vexa significativamente aumentada”.

O BNG cualifica como “insuficientes” os Orzamentos do Estado para Ourense e avanza presentación de emendas