O BNG cualifica de “escándalo” o atraso nas obras do Centro de Discapacidade (CAPD) e pedirá explicacións no Parlamento galego

NOA PRESAS, deputada do BNG
Noa Presas, deputada do BNG

En resposta escrita ao BNG, a Xunta escusa o incumprimento da promesa de finalización en xaneiro de 2024 “na choiva”, feito que as nacionalistas consideran “un insulto á intelixencia”.

Noa Presas esixe que se aceleren as obras e garantías na xestión pública e directa “para evitar privatizacións como a do Centro de menores de Montealegre”

O BNG cualifica de “escándalo” o atraso nas obras do Centro de Discapacidade (CAPD) e pedirá explicacións no Parlamento galego

Ourense, 05 de xuño de 2024. A deputada do BNG por Ourense Noa Presas, avanzou que o Grupo Parlamentario nacionalista xa recibiu resposta ás iniciativas presentadas e nas que se pedían explicacións de por qué se incumpria o prazo de finalización das obras do CAPD de Ourense anunciado pola propia Xunta de Galiza e datado inicialmente en xaneiro de 2024.

Na resposta dada polo Executivo galego, xustifícanse os atrasos na execución das obras “polo exceso de choivas”, cuestión que para o BNG “é un insulto á intelixencia porque todo mundo sabe que neste país chove e que polo tanto hai que contar con iso na proxección das obras”. Noa Presas acusa á Xunta de “mentir e incumprir cada dous por tres os prazos dun Centro que prometeu facer xa no ano 2016, é dicir, hai 8 anos”.

Para o BNG esta situación, sumada á información das familias de que a dirección de obra estima o prazo de finalización dos traballos en agosto deste ano, “é un escándalo e amosa a falta de xestión e de compromiso da Xunta con Ourense e co ámbito da discapacidade, pois mentres retrasan unha e outra vez a finalización dun Centro público que sí existe en Lugo, Pontevedra ou A Coruña, todos e todas vimos como a iniciativa privada abría Centros de discapacidade nestes anos”.

Presas lembra que “no 2022, cando as obras tiñan que ser unha realidade, levaban seis meses paralizadas até que o Goberno galego recoñeceu en sede parlamentaria ante o BNG ter a situación bloqueada polo impacto da crise de prezos. Despois da insistencia das familias houbo un novo proceso de contratación e unha nova promesa para xaneiro de 2024.”

No BNG insisten no seu “compromiso a favor dunha xestión pública e directa para evitar privatizacións como a do Centro de menores de Montealegre, que despois de estar pechado varios anos para ser reformado con recursos públicos, pasou da xestión pública e directa á privada”.

Por estes motivos, Noa Presas adianta que, “desde o BNG trasladaremos de novo ao Parlamento Galego iniciativas en dous sentidos. Esixir á Xunta acelerar os prazos de finalización do Centro e comprometer que o modelo de xestión será público e directo, que se vai facer a provisión de persoal nos próximos orzamentos e que se vai contar coas familias na planificación do proxecto educativo e de intervención”.


 

 

O BNG cualifica de “escándalo” o atraso nas obras do Centro de Discapacidade (CAPD) e pedirá explicacións no Parlamento galego