O BNG cuestiona o procedemento seguido e o proxecto do actual Goberno Local para a Cadea Vella da rúa do Progreso

Xosé Manuel Puga, Luís Seara e Erea Blanco en rolda de prensa

Desde a formación nacionalista cuestionan que a redacción do proxecto se lle encargase a un exasesor de Jácome, que non existan informes técnicos municipais que o avalen ao ser un edificio inxerido no BIC das Burgas así como o gasto de máis de 18.000 euros nunha empresa externa encargada para a tramitación da axuda diante do MITMA

O BNG cuestiona o procedemento seguido e o proxecto do actual Goberno Local para a Cadea Vella da rúa do Progreso

Ourense, 23 de outubro de 2023. No Pleno celebrado polo Concello de Ourense o pasado 1 de setembro, o Grupo municipal do BNG presentaba unha moción relativa á rehabilitación e posta en valor da Cadea Vella de Ourense e Instaba ao Goberno Local a solicitar do MITMA, concretamente a través do Plan de axudas para financiar traballos de conservación ou enriquecemento de bens inmóbeis do patrimonio histórico e encadrados dentro do Programa 2% Cultural, financiamento para a rehabilitación e posta en valor da mesma.

Desde a formación nacionalista propuñan a creación dun centro multifuncional onde tivese cabida o aproveitamento termal, proposta que foi cualificada polo Concelleiro de urbanismo como “proxecto Frankenstein” chegando a afirmar que en “DO temos proxectos claros sobre o que hai que facer e antes de finalizar setembro daremos a coñecer a nosa proposta”.

O pasado 28 de setembro a Xunta de Goberno Local contrataba a redacción da memoria técnica e a documentación precisa para a rehabilitación do inmóbel e a súa presentación á convocatoria do programa 2% cultural do MITMA. Da análise de dito procedemento, o Grupo municipal do BNG pon o foco sobre varios aspectos que ao seu entender “describen perfectamente como actúa e traballa este Goberno amosando que nin teñen proxecto nin saben que facer”.

Segundo o Portavoz municipal da formación nacionalista Luís Seara quen compareceu esta mañá en rolda de prensa acompañado polo resto de membros do Grupo municipal afirma que “o primeiro que nos chama a atención é que logo de descualificar a nosa proposta pois propuña un uso multifuncional do edificio, agora sexa o Goberno Local quen aposte por esta fórmula pois pretende compatibilizar o uso administrativo co museístico, algo certamente curioso tendo en conta ademais que foi este Goberno quen pechou o Museo Municipal”.

Para Seara outro dato a ter en conta é o feito de que “a redacción da memoria técnica do proxecto encárgaselle a un exasesor de Jácome a través dun contrato menor como non podía ser doutro xeito, é dicir, por algo máis de 18.000 euros IVE incluído”, e engade, “do mesmo modo, encárgallese a unha consultora internacional a tramitación da solicitude diante do MITMA tendo dentro do Concello persoal especializado neste tipo de traballos e que xa teñen amosado a súa valía en proxectos anteriores”.

Segundo denuncia o Portavoz Luís Seara, “non hai ningún informe técnico que avale o proxecto toda vez estamos a falar dun edificio inxerido dentro do BIC das Burgas e que polo tanto precisa si ou si dun informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio toda vez o PERI da zona foi anulado no seu día”.

Luís Seara ten claro que en contra do manifestado, “o Goberno Local nin ten proxecto nin sabe o que quere facer coa Cadea Vella. Dician ter 4 alternativas que foron caendo paulatinamente e agora presentan unha memoria, que non un proxecto, con descoñecemento dos técnicos do PERI, feita por un exasesor de alcaldía e pagando unha cantidade máis que cuestionable”.

Seara conclúe que “o ridículo do actual Goberno Local ten sido maiúsculo pois xa foi denegada unha axuda anterior e moito nos tememos que desta volta o resultado non vai ser moi diferente”.

 


 


 


 

O BNG cuestiona o procedemento seguido e o proxecto do actual Goberno Local para a Cadea Vella da rúa do Progreso