O BNG demanda mellorar a execución das obrigas sobre as redes secundarias de faixas de xestión de biomasa a través dun convenio entre concellos e a Deputación de Ourense

Xose Manuel Puga e Bernardo Varela
Xose Manuel Puga e Bernardo Varela

Bernardo Varela: “A inacción administrativa, aínda que sexa por falta de recursos, non exime da responsabilidade institucional cando están en xogo a vida, os bens e o patrimonio natural da veciñanza”

O BNG demanda mellorar a execución das obrigas sobre as redes secundarias de faixas de xestión de biomasa a través dun convenio entre concellos e a Deputación de Ourense

O grupo provincial do BNG de Ourense deu a coñecer a iniciativa nacionalista que será levada ao pleno provincial do 24 de Xullo. A proposta ten como obxectivo establecer convenios de colaboración voluntarios entre a Deputación e os concellos para garantir a execución das obrigas legais en materia de limpeza e xestión de biomasa nas faixas secundarias de protección contra incendios forestais.

 A moción contempla que a Deputación de Ourense cree un modelo de convenio marco, que permita aos concellos con menos recursos delegar na institución provincial a execución subsidiaria dos traballos de limpeza, así como a súa xestión, liquidación e cobro. Para garantir a súa posta en marcha, a iniciativa do BNG propón unha dotación mínima dun millón de euros nos orzamentos provinciais do ano 2026. Ademais, establece criterios de prioridade baseados na poboación e número de núcleos poboacionais dos concellos da provincia.

O portavoz do grupo provincial do BNG, Bernardo Varela, advertiu durante a presentación que “o risco de lumes forestais leva sendo un problema desde hai moitos anos” e que “a situación de abandono de moitos predios supón unha ameaza, xa non só no ámbito agrario, senón tamén para as persoas”. Neste sentido, lembrou que “moitas das parcelas están en estado de abandono, sen xestión forestal nin rozar, o que supón unha ameaza real e inmediata de propagación de incendios forestais”.

Para o BNG, a situación actual require medidas urxentes, especialmente cando, segundo Varela, “a resposta administrativa está marcada por atrasos derivados de incapacidades ou mesmo por deixadez, debido principalmente á imposibilidade de localizar ou identificar con axilidade os propietarios e á falla de medios técnicos e humanos nos concellos”.

O voceiro nacionalista subliñou que a moción busca ofrecer unha solución práctica e inmediata: “trátase de dotar dunha ferramenta efectiva aos concellos con escasa capacidade económica e administrativa, para dispor dun fondo económico ao que recorrer e permitir a delegación do procedemento e cobro da execución subsidiaria dos custes da limpeza de predios dos que as persoas propietarias non procedan á súa limpeza”.

Varela destacou tamén que “a lexislación tamén establece que a inacción prolongada por parte das administracións coñecedoras da situación podería derivar en responsabilidade patrimonial, especialmente se se producen danos evitábeis”. Por iso, o BNG considera imprescindible que a Deputación actúe de forma proactiva, prestando apoio real aos concellos máis pequenos, moitos deles con graves limitacións para facer fronte a estas obrigas.

O grupo provincial do BNG explicou que o convenio terá carácter voluntario e permitirá priorizar actuacións nos concellos con menor poboación, comezando polos de menos de 1.000 habitantes, con especial atención aos meses de verán e ás zonas de maior risco.

Por último, a moción tamén inclúe un acordo para reiterar a reclamación da transferencia das competencias do catastro á Xunta de Galiza e, mentres esta non se produza, propoñer un convenio co Ministerio de Facenda para a xestión do mesmo, co fin de revisar os datos catastrais e identificar correctamente os titulares das parcelas.

O BNG demanda mellorar a execución das obrigas sobre as redes secundarias de faixas de xestión de biomasa a través dun convenio entre concellos e a Deputación de Ourense