O BNG demanda ubicar os trofeos do CD Ourense no estadio do Couto
Bernardo Varela esixe coñecer a localización actual dos trofeos do CD Ourense e que sexan reubicados nun novo espazo expositivo de trofeos no campo de fútbol do Couto.
O voceiro do grupo provincial do BNG, Bernardo Varela, ven de solicitar á Deputación de Ourense que se esclareza a localización dos trofeos acadados desde 1959 polo extinto Clube Deportivo Ourense. “Entendemos que ditos trofeos están depositados nalgunha dependencia pertencente á Deputación de Ourense” indica Varela.
O palmarés da equipa Ourensá estaría constituido, cando menos, por unha copa federación de Fútbol, un trofeo do Campionato Galego de Afeccionados, dous trofeos da Fase Autonómica da Copa RFEF, dúas copas Federación, oito trofeos de Terceira División, dous trofeos de Subcampión de Segunda División B, sete trofeos de subcampión de Terceira División, e dous trofeos do torneo amigábel Trofeo Luís Otero.
Así mesmo, e unha vez clarificada a localización actual dos trofeos do CD Ourense, Varela demanda á Deputación de Ourense que dentro da reforma que se vai acometer no campo de fútbol do Couto, se teña en conta unha actuación para a posta en marcha dunha sala de trofeos, poñendo en valor este legado deportivo nun novo espazo expositivo onde os afeccionados poidan contemplar os trofeos e éxitos deportivos acadados ao longo de todos os anos de historia do do Clube Deportivo Ourense.