O BNG denuncia o adiamento sen causa xustificada das revisións programadas por parte da Unidade de Traumatoloxía Pediátrica de Ourense, con graves consecuencias sobre os pacientes
Desde a Unidade de Traumatoloxía Pediátrica estase a informar a numerosas familias de Ourense do adiamento da data marcada para a revisión do estado da escoliose que padecen as súas fillas ou fillos, sen que se lles participe a razón de tal aprazamento, máxime cando xa se aproximaba a data da referida revisión.
Ourense, 05 de xaneiro de 2021. O Grupo parlamentar do BNG no Parlamento galego ven de rexistras unha serie de iniciativas encamiñadas a coñecer os motivos polos cales desde a Unidade de Traumatoloxía Pediátrica de Ourense, mesmo no caso de adolescentes con escoliose significativas e as que se lle prescribiu o uso de corsé ortopédico, está a aprazar, sen explicación da causa que o poidera xustificar, a cita para comprobar a evolución do estado da columna vertebral.
Falan os nacionalistas de revisións inicialmente fixadas no límite do aconsellable, isto é, cada seis meses, Pondo de manifesto que para verificar a evolución da enfermidade precisaríase unha avaliación máis próxima no tempo xa que os periodos actuais, impiden comprobar o acerto da medida correctora adoptada, así como a influencia que o crecemento da adolescente está a ter na desviación da columna vertebral.
Desde o BNG salientan que a excusa da COVID-19 e as súas repercusións no ámbito sanitario no referido á carga de traballo non vale, xa que este tipo de demoras xa se estaban a producir con anterioridade á pandemia.
Así, hai unhas semanas recollíase na edición local dun medio de comunicación social o caso dunha rapaza de apenas 8 anos á que, tras constatarse a existencia dunha dupla curvatura de columna (superior a 25º) non se prescribiu tratamento algún, non informándose á familia sobre o estado da menor, ate hai máis de ano e medio despois.
Ante tal neglixencia a resposta desde a Unidade de Traumatoloxía Pediátrica non foi a emenda do erro cometido, senón tratar de trasladar á familia a responsabilidade do acontecido.
O Grupo Parlamentar do BNG quere que a Xunta de Galiza resposte e ofreza datos sobre cal é o numero de consultas ou citas de traumatoloxía pediátrica adiadas nos dous últimos trimestres de 2020 así como de cal é a razón pola que se procedeu ao adiamento da data fixada para as revisións.
Tamén queren saber a periodicidade coa que é preciso controlar a evolución da desviación de columna en rapaces e rapazas de entre 8 e 18 anos e se a falla de control na evolución da escoliose en menores, pode limitar a corrección da desviación de columna.
Por último, para os nacionalistas tamén é importante saber se como consecuencia destas demoras se ten incoado algún procedemento disciplinario ou algún expediente de responsabilidade patrimonial nos anos 2019 e 2020 por eivas no funcionamento na unidade de traumatoloxía pediátrica de Ourense.