O BNG denuncia o caos económico no que está sumido o Concello de Ourense e esixe solucións urxentes ao Goberno Local

Luís Seara, Portavoz do BNG no Concello de Ourense
Luís Seara, Portavoz do BNG no Concello de Ourense

Segundo o Grupo municipal do BNG, a retención dos fondos estatais por quinto mes consecutivo por parte do Ministerio de Facenda certifica “o caos, o desgoberno e o colapso económico que levamos meses e anos denunciando”

O BNG denuncia o caos económico no que está sumido o Concello de Ourense e esixe solucións urxentes ao Goberno Local

Ourense, 29 de abril de 2026. Por quinto mes consecutivo o Concello de Ourense deixará de percibir os Fondos estatais correspodentes ás aportacións ás entidades locais por parte do Ministerio de Facenda. Desta volta a cantidade ascende aos 3.051.657,20 euros, que sumada á retida en meses anteriores suma un total de preto de 13,7 millóns que, segundo denuncia o Portavoz nacionalista Luís Seara, “dificultan enormemente o día a día do Concello”.

Para Luís Seara, esta nova retención “revela o que desde o BNG levamos meses e incluso anos denunciando, a situación de absoluto caos, desgoberno e colapso económico no que se atopa o Concello de Ourense” e engade, “o Alcalde monta en cólera cada vez que dicimos que nos atopamos nesta situación mais o certo é que estamos diante dunha triste e preocupante realidade”.

O Grupo municipal do BNG lembra as cuantiosas débedas que a día de hoxe mantén o Concello con múltiples proveedores alén das contraídas coas empresas que prestas os principais servizos municipais como son o transporte, a recollida de lixo ou o abastecemento de auga e o saneamento.

Seara recorda que “son inxentes as facturas pendentes de pago na conta 413 e múltiples os proveedores que teñen que acudir á xustiza para cobrar o que o Concello lles adebeda, co grave prexuízo que iso ten para as arcas municipais. Levamos anos alertando da débeda oculta, algo que o Alcalde sempre negou pero que co paso do tempo vemos como vai aflorando con cada vez máis forza”.

Solucións urxentes.

Diante desta situación, o BNG esíselle ao Goberno local “a adopción urxente das medidas correctoras precisas que permitan por unha banda, poder ingresar os fondos retidos á maior brevidade posible e por outra poñer todos os medios técnicos e humanos que sexan precisos para tentar corrixir a grave situación de morosidade na que se atopa o Concello, algo que incide directamente na prestación de Servizos á veciñanza”.

Luís Seara lembra igualmente que “esta situación que algúns levamos anos denunciando e que se vai agravando co paso dos meses é responsabilidade directa do Goberno local e de Pérez Jácome mais tamén de aqueles que por acción ou por omisión, permiten este xeito de gobernar e de proceder”.


 

O BNG denuncia o caos económico no que está sumido o Concello de Ourense e esixe solucións urxentes ao Goberno Local