O BNG denuncia que DO e PP néganse a aumentar o persoal dos Servizos Sociais do Concello de Ourense

Rhut Reza, Concelleira do BNG no Concello de Ourense
Rhut Reza, Concelleira do BNG no Concello de Ourense

O Grupo municipal do BNG reclamou a contratación de Traballadoras Sociais co obxectivo de paliar a elevada carga de traballo existente a día de hoxe, recibindo a negativa do Goberno Local, que contou co apoio do PP. Rhut Reza denuncia que co proceso de Regularización de migrantes xa en marcha, “o Concello de Ourense xa non concede cita até o 30 de xuño”

O BNG denuncia que DO e PP néganse a aumentar o persoal dos Servizos Sociais do Concello de Ourense

Ourense, 21 de abril de 2026. Nas Xuntas de Área celebradas esta mañá no Concello de Ourense, o Grupo municipal do BNG instou ao Goberno local a contratar máis traballadoras sociais, tanto para atender os expedientes asociados ao Servizo de dependencia como para atender o proceso de regularización, pois leva asociado un informe de vulnerabilidade que ten que ser emitido polos Servizos municipais. A Concelleira Rhut Reza denuncia que a día de hoxe “danse citas para ese informe con data 30 de xuño”.

Reza insiste en que “antes había sete traballadoras sociais no departamento e agora só hai tres. Hai unha baixa sen cubrir desde hai dous meses, o que orixina que a día de hoxe haxa un atraso de mes e medio para a primeira cita”.

O Goberno local esgrime “que xa non quedan prazas vacantes”, argumento que segundo Rhut Reza, “secunda o PP pois na propia Xunta de Área deixaron claro que non son partidarios de aumentar o persoal”. Reza defende que “desde o BNG temos claro que existe unha necesidade real pois é preciso darlle saída aos expedientes pendentes tanto no Servizo de dependencia como nos referidos aos informes de vulnerabilidade do proceso de regularización polo que está máis que xustificada a contratación de máis persoal”.

Obras na Avda. de Portugal.

Na Xunta de Área de Urbanismo e Infraestruturas e a preguntas formuladas polo BNG, o Concelleiro delegado confirmou que os traballos a realizar pola empresa Misturas a través dun contrato de emerxencia, centraranse en garantir a seguridade e salubridade da zona e que cando estes rematen, avaliarase a obra feita para recalcular o custe do que queda por facer e sacar a licitación un novo proxecto para poder, deste xeito, rematar coa humanización completa da rúa.

Obras Pena Trevinca.

No referido ás obras na rúa Pena Trevinca e como resposta a preguntas do BNG, o Goberno local sinalou que o custe estimado dos traballos realizados, tamén a través dun contrato de emerxencia, estímanse en torno a 1,5 millóns de euros.


 

O BNG denuncia que DO e PP néganse a aumentar o persoal dos Servizos Sociais do Concello de Ourense