O BNG denuncia que pese a presentar a mesma emenda que o PP relativa á protección da zona histórica como Zona de Protección Acústica Especial (ZPAE), esta foi rexeitada
Desde a formación nacionalista sinalan que tanto a emenda do PP como a do BNG foron rexeitadas en primeira instancia pero que onte, e aducindo a un “erro” no expediente, o Goberno Local decidiu admitir a emenda do PP pero seguir desestimando a do BNG, cando ambas solicitan o mesmo
Ourense, 27 de xuño de 2025. Finalizado o periodo para a presentación de emendas por parte dos Grupos municipais ao proxecto de Ordenanza de protección contra a contaminación acústica do Concello de Ourense, a inmensa maioría das presentadas por PP, PSdeG-PSOE e BNG foron desestimadas. Incluídas a emeda 1 do BNG na que se solicitaba “a declaración como Zona de Protección Acústica Especial (ZPAE) a zona histórica da cidade”, como a emenda 2 do PP que, literalmente solicitaba “declaración do casco histórico como Zona de Protección Acústica Especial (ZPAE)”. En ambos casos a resposta foi “procede pois desestimar a emenda”.
Sorpresivamente, e tal e como relata o Portavoz do Grupo municipal do BNG Luís Seara, “no día de onte advírtesenos de que hai un erro no expediente que vai hoxe á Comisión de Pleno pois esquecéranse de introducir no borrador, a proposta do PP na súa emenda 2, a relativa á declaración da zona histórica como ZPAE” e engade, “resulta chamativo que se fale dun erro cando no informe anterior esa emenda foi argumentada e rexeitada expresamente ao igual que a nosa”.
Para Luís Seara resulta evidente que “o PP debeu pedirlle a Jácome unha saída para poder votar a favor da Ordenanza pois sería moi cantoso que o fixesen téndose rexeitado todas as súas emendas e evidentemente o que agora pretende o PP é colgarse a medalla de que grazas a eles a zona histórica seguirá sendo una ZPAE”.
Desde o Grupo municipal do BNG entenden que “se existen dúas emendas que solicitan o mesmo, o normal é que no momento en que, a diferenza do criterio inicial no que ambas, a nosa e a do PP foron rexeitadas, agora ambas foran aceptadas e sen embargo acéptase a dos populares e segue a rexeitarse a nosa”.
Luís Seara ten claro que “o obxectivo é que o PP poida presentarse diante da veciñanza, como xa fixo onte, dicindo que grazas a eles a zona histórica segue a ser unha zona protexida”, e engade, “non ímos permitir que se arroguen tal cousa e ímos esixir que por parte dos técnicos encargados de avaliar as emendas, se nos explique o cambio de criterio e sobor de todo, os motivos polos que a emenda do PP é aceptada e a do BNG, nos mesmos termos, non”.