O BNG DENUNCIA QUE O SERGAS DESVIOU 540.000€ DA SANIDADE PÚBLICA Á PRIVADA EN OURENSE NO MES DE XUÑO

Noa Presas, deputada do BNG
Noa Presas, deputada do BNG
Noa Presas denuncia que chove sobre mollado na privatización da sanidade pública ourensá do Partido Popular e pide explicacións no Parlamento Galego
O BNG DENUNCIA QUE O SERGAS DESVIOU 540.000€ DA SANIDADE PÚBLICA Á PRIVADA EN OURENSE NO MES DE XUÑO

 A deputada nacionalista por Ourense Noa Presas denuncia que “a Xunta de Galiza fixo unha modificación orzamentaria no mes de xuño para desviar outros 540.000,00 €, con destino a asistencia sanitaria con medios alleos, recursos do orzamento da sanidade pública que podían ir para prestar servizos directamente como estaba previso e mellorar os que existen e que o Partido Popular desviou para “concertos con entidades privadas” afondando na privatización e desmantelamento da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras.

 

Para o BNG esta situación “é intolerable tendo en conta que o hospital de Ourense ten as peores listas de agarda hospitalaria de todo Galiza e agora sofre o intento de traslado dunha sala de partos á que se opoñen persoal e mulleres por non ser propia do século XXI. Así, mentres o SERGAS desvía máis de medio millón de euros á privada pretende que as mulleres de Ourense pairan sen intimidade, cunhas cortinas e sen baño propio”

 

Neste sentido Presas recorda que “chove sobre mollado na privatización dos recursos sanitarios de Ourense, pois xa no 2024 o Informe do Consello de Contas sacou un informe sobre a área no que advertía do aumento da prestación da asistencia sanitaria con medios alleos da macroárea sanitaria de Ourense, Verín e O Barco. Neste informe Contas desvelaba como no ano 2022, que era o ano estudado, en Ourense aumentou con máis intensidade a prestación de asistencia sanitaria con medios alleos: se en Galiza aumentou un 5% en Ourense, un 6,8%, sendo a área de Ourense é a área de Galiza na que máis aumentou e máis peso ten a derivación á privada (cun peso do 20%). En Ourense, no 2022 mentres a actividade propia medrou un 11%, a derivación a centros privados un 41%”

 

Máis aínda, Presas recorda que “desde este mesmo ano o SERGAS vai gastar 10 millóns de euros ao ano para que cirurxías menores ou servizos como logopedia sexan atendidos nun macrocontrato pola sanidade privada de Vigo, afondando na privatización e obrigando a centos de cidadáns a desprazarse a máis dunha hora en coche para ter un servizo que outros galegos teñen cerca, agravando a desigualdade territorial”

 

Na mesma liña, o BNG recorda que “no pasado Pleno do Parlamento Galego o BNG denunciou que a Consellería de Sanidade segue derivando cartos da sanidade pública para a privada, como sucedeu entre xaneiro a xuño deste ano, desviando máis de 20 millóns de euros”

O BNG DENUNCIA QUE O SERGAS DESVIOU 540.000€ DA SANIDADE PÚBLICA Á PRIVADA EN OURENSE NO MES DE XUÑO