O BNG denuncia desde Trasmiras o “abandono” das administracións tras as tormentas deste ano e esixe axudas urxentes para facer fronte a máis de 16 millóns en danos nos concellos de Ourense.

María Mangana, María do Mar, Marcos Nogueiras, Bernardo Varela, Cristina Cid, Antonio Valado.
María Mangana, María do Mar, Marcos Nogueiras, Bernardo Varela, Cristina Cid, Antonio Valado.

María do Mar: “Dende o concello de Trasmiras non se solicitou ningunha das axudas para reparar pistas e infraestruturas danadas polas tormentas”.

Bernardo Varela: “Cinco meses despois das tormentas os concellos non temos, por agora, o respaldo de ningunha administración para afrontar os máis de 16 millóns de euros en danos.”

O BNG denuncia desde Trasmiras o “abandono” das administracións tras as tormentas deste ano e esixe axudas urxentes para facer fronte a máis de 16 millóns en danos nos concellos de Ourense.

Trasmiras, 4 de maio de 2026. O Bloque Nacionalista Galego compareceu hoxe no concello de Trasmiras para denunciar publicamente a falta de resposta das distintas administracións ante os graves danos provocados polas tormentas do pasado inverno, que foron avaliados polos concellos da provincia en máis de 16 millóns de euros.

Na rolda de prensa interviron a portavoz do BNG en Trasmiras, María do Mar, e o portavoz do grupo provincial na Deputación de Ourense, Bernardo Varela, acompañados por diferentes cargos institucionais do Bloque, entre eles a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid; o alcalde de Verea, Antonio Valado; o alcalde de Vilar de Santos, Marcos Nogueiras, e a deputada provincial María Mangana.

A portavoz nacionalista en Trasmiras explicou que a comparecencia tiña como obxectivo a situación real das infraestruturas afectadas no municipio e denunciar a falta de iniciativa do goberno local. “Sacouse unha liña de axudas en febreiro para o tema das zonas afectadas polas grandes tormentas e toda a cicloxénese que sufrimos este inverno para a reparación de pistas e infraestruturas”, lembrou.

Neste sentido, María do Mar foi clara ao sinalar que “dentro do concello de Trasmiras non se solicitou” ningunha destas axudas, malia que outras administracións estaban chamadas a financiar unha parte importante dos custos. “O 50% está pendente por parte do Estado nos concellos que o solicitaron, pero no caso de Trasmiras non se presentou nada. Nin o goberno pediu esa parte, nin tampouco o outro 50% restante que sería competencia de solicitalo á Xunta”, criticou.

A portavoz do BNG cualificou de “contraditorias” as declaracións recentes do goberno municipal: “Fainos graza as declaracións desta última fin de semana cando din que se senten ignorados e decepcionados polo Goberno central e logo sacan liñas de actuacións que non se solicitan dentro do noso concello”. Ademais, advertiu do estado das infraestruturas locais: “Estamos a falar de estradas como esta, que teñen fochancas máis que evidentes e que se van desfacer por completo”.

Pola súa banda, o portavoz provincial do BNG, Bernardo Varela, poñía o foco na responsabilidade das adminsitracións tanto autonómica e estatal. “Estamos a denunciar que, logo xa practicamente cinco meses desde que aconteceron as graves tormentas deste inverno, que produciron múltiples danos a nivel provincial, a día de hoxe non temos respaldo de ningunha administración”, afirmou.

Varela lembrou que “os danos foron avaliados polos concellos en máis de 16 millóns de euros” e denunciou a falta de información por parte do Estado: “Desde a Subdelegación do Goberno solicitousenos información porque, teóricamente, o Estado ía poñer un 50% deses danos, pero a día de hoxe nin sabemos se iso foi aprobado nin se nos achegou esa información aos concellos”.

Do mesmo xeito, criticou a inacción da Xunta de Galiza: “A través dun acordo plenario na Deputación de Ourense solicitábase que o outro 50% restante fose asumido pola Xunta, pero a realidade é que, polas respostas no Parlamento Galego, semella que non ten ningunha intención de achegar ese outro 50%”.

Polo tanto, unha vez máis, os concellos das comarcas de Ourense vémonos abandonados á nosa sorte, cunhas cargas económicas moi importantes”, denunciou o portavoz nacionalista.

Bernardo Varela fixo tamén referencia á situación específica da comarca da Limia, onde mesmo se produciu unha resposta conxunta das alcaldías de diferentes forzas políticas: “Chegouse a facer unha fronte común para solicitar axudas extraordinarias, non só para viais asfaltados, senón tamén para as pistas de concentración parcelaria, que quedaron moi afectadas polas inundacións”.

Neste punto, lamentou que “nin sequera se sacaron as liñas de axuda habituais por parte da Xunta para o mantemento destas pistas”. “Non é de recibo que a Xunta non saque unha liña específica, nin sequera as normais, cando estamos ante danos tan graves”, engadiu.

O portavoz do BNG advertiu das consecuencias desta situación no rural: “Estamos xa en maio e está empezando a actividade agrícola e gandeira, e en moitos casos as pistas non están en condicións de ser transitadas nunhas condicións minimamente dignas”. Ademais, lembrou que o seu mantemento “é fundamental tamén para evitar os lumes no verán”.

Para rematar, o BNG esixiu a activación inmediata de axudas por parte de todas as administracións implicadas. “Representamos non só aos concellos nos que gobernamos, senón ao conxunto dos concellos afectados, e a demanda é clara: que esas axudas se habiliten e se habiliten xa para poder reparar todos os danos causados”, concluíu Varela.

O BNG denuncia desde Trasmiras o “abandono” das administracións tras as tormentas deste ano e esixe axudas urxentes para facer fronte a máis de 16 millóns en danos nos concellos de Ourense.