O BNG emenda a Ordenanza reguladora dos prezos da piscina termal das Burgas e introduce unha nova modalidade de Abonos pensada “en favorecer á veciñanza de Ourense”

Piscina termal das Burgas pechada desde hai 5 anos
Piscina termal das Burgas pechada desde hai 6 anos

O Grupo municipal do BNG sinala que ante a imposibilidade legal de poder establecer a gratuidade para os empadroados en relación co resto das persoas, “presentamos unha proposta de abonos anuais baseados na renda e que priman as veciñas e veciños de Ourense”

O BNG emenda a Ordenanza reguladora dos prezos da piscina termal das Burgas e introduce unha nova modalidade de Abonos pensada “en favorecer á veciñanza de Ourense”

Ourense, 01 de febreiro de 2026. O Grupo municipal do BNG rexistrou nas últimas horas unha serie de emendas ao proxecto de Ordenanza municipal reguladora do servizo e dos prezos públicos da piscina termal das Burgas. O Portavoz nacionalista Luís Seara foi o encargado de explicar o motivo e, sobor de todo, a motivación das mesmas.

Luís Seara non agocha as súas dúbidas sobre as verdadeiras intencións do Goberno local, “moito nos tememos que detrás desta proposta o que hai é exclusivamente un intento de dilatar a apertura da piscina, de ter a coartada para dicir que a xente non a utiliza porque ao pagar non van e abrir así a porta a privatización non só da piscina senón da totalidade do complexo”.

Seara sinala que “non nos parece acaído que todas as persoas, independentemente de estar empadroadas ou non, teñan que pagar a mesma cantidade. É certo que hai xurisprudencia abondosa que di que non se poden establecer diferencias polo empadroamento, xa que iso atenta contra o principio de igualdade, mais, con todo, parécenos que non ten lóxica” e engade, “nós temos defendido que o modelo público termal de Ourense ten que ser un modelo gratuíto para a veciñanza e non nos parece mal e tamén o temos dito máis dunha ocasión, o feito de que se lle poda cobrar as persoas que veñen de fora”.

No BNG advirten en todo caso que dita diferenciación “colide coa lexislación e coa xurisprudencia porque non se poden facer distingos entre empadroados e non empadroados, e esa é a razón fundamental pola cal o BNG presenta unha serie de emendas que, respectando a lei, cremos que provocan de facto, a gratuidade para a veciñanza de Ourense”.

As emendas rexistradas pola Formación nacionalista consisten por unha banda na exclusión explícita da Ordenanza do futuro uso que se lle poida dar aos pisos turísticos presentes na contorna. Luís Seara lembra que “xa o 3 de novembro de 2023 presentamos unha moción na que instábamos ao Goberno local a que se empregaran eses pisos como vivendas de emerxencia para vítimas de violencia machista e mantemos a nosa proposta”.

Outra das emendas ten que ver coa xestión. A Ordenanza deixa aberta a posibilidade de optar polos dous modelos, xestión directa e xestión indirecta. “Nós tamén deixamos moi claro que defendemos e apostamos pola xestión pública e directa e de feito, instamos ao Goberno local a que promova a creación dun instrumento absolutamente necesario como é o Consorcio Termal, que teña como obxectivo xestionar, coordinar, executar e cofinanciar os proxectos termais presentes e futuros”. 

En relación cos abonos establecidos na Ordenanza e que únicamente contempla unha modalidade mensual de 25 euros, o Portavoz nacionalista expón a proposta trasladada polo seu Grupo. “Incluímos un abono de carácter anual e baseado nun criterio de renda. Ese abono con carácter anual provocaría que calquera persoa, e por suposto os veciños e veciñas de Ourense, que serían os grandes beneficiados e que persoas con un determinado nivel de renda non pagaran un só euro e que como cantidade máxima para o resto fosen aproximadamente 2,5 euros o mes, unha cantidade simbólica que evidentemente non provoca ningún ingreso estratosférico para o Concello”.

Finalmente, Luís Seara afirma que “tamén incluímos outra emenda que para nós é importante e que ten a ver co feito de que se podan aprobar distintas bonificacións para colectivos de diferentes ámbitos. Nós propomos que tendo en conta que a piscina termal das Burgas, ademais do seu aspecto turístico e lúdico ten, e iso parece que está probado, beneficios para o benestar das persoas, deixamos aberta a porta para as entidades do terceiro sector que puideran estar interesadas”.

Modalidades de abono anual propostos polo BNG:

. Persoas con renda inferior aos 10.088 €/ano………………………………… bono anual de 0 €.

. Persoas con rendas entre os 10.088 € e os 15.203 €/ano……………..bono anual de 10 €.

. Persoas con renda entre os 15.203 € e os 20.000 €/ano……………….bono anual de 20 €.

. Persoas con renda superior aos 20.000 €/ano………………………………bono anual de 30 €.

Rhut Reza, Xosé Manuel Puga, Luís Seara e Erea Blanco
Rhut Reza, Xosé Manuel Puga, Luís Seara e Erea Blanco


 

O BNG emenda a Ordenanza reguladora dos prezos da piscina termal das Burgas e introduce unha nova modalidade de Abonos pensada “en favorecer á veciñanza de Ourense”