O BNG esixe a intervención inmediata da Xunta na Farixa e a inspección de todas as residencias privadas
Presas: “é clave para conter toda a curva disparada na provincia de Ourense”
O BNG volveu reclamar a intervención da Xunta de Galiza na residencia de maiores Nosa Señora da Esperanza, no barrio da Farixa de Ourense, e que atenda as demandas da Federación Galega de Usuarios e Familiares de Residencias e Dependencia (REDE). Asemade, volven pedir información e transparencia ante a demanda das familiares de ser informadas diariamente.
Desde a formación nacionalista ven inaceptable que a Xunta de Galiza, malia comprometer a intervención pública nas residencias de maiores non estea cumprindo e que cada día se coñezan novas deficiencias. O BNG esixiulle á Xunta que atenda ás demandas de REDE, que reclama a intervención urxente da Residencia do grupo San Rosendo.
A membro da Executiva Nacional do BNG, Noa Presas, pediulle á Xunta de Galiza que “pense nos residentes e nos profesionais” e acusou ao goberno galego de ser parcial polas vinculacións do PP coa fundación San Rosendo. “Esta residencia está nunha situación parella a DomusVi San Lázaro de Santiago ou a DomusVi Aldán-Cangas que xa están intervidas”. Sinalou que o executivo galego debe aprender do que se fixo mal nestas residencias e na de Celanova para acelerar a intervención pública. Amais, o BNG solicitou garantías para a realización dun segundo test para residentes e profesionais das residencias que tiveron diagnóstico inicial de Covid-19 antes da súa reincorporación aos centros co obxectivo de evitar unha segunda quenda de contaxios.
Após tres semanas de levar solicitando a intervención por parte da Xunta de Galiza na residencia de maiores San Carlos de Celanova, sendo esta o principal foco da provincia durante estes días, o BNG non entende que a Xunta continúe agardando a que a situación poida ser irreversíbel.
“Isto é grave porque xa o 23 de marzo había dous casos confirmados e puido evitarse esta evolución. As graves condicións da residencia do Barco e nos últimos días na Fonsagrada amosan que a Xunta debe inspeccionar e intervir todas as residencias privadas, especialmente en Ourense” sinalou Presas. A provincia ten o maior ratio de residencias e case un 70% das mesmas son privadas e estase a disparar a curva de contaxio moi por riba das demais provincias galegas.
Transparencia e información para as familiares dos maiores
Así mesmo o BNG insistiu, como leva facendo desde o 20 de marzo, en que é necesario que a Xunta de Galiza informe diariamente de cal é a situación real de todas as residencias e a ocupación e evolución dos centros especiais como o instalado en Molgas. Explicaron que continúan sendo constantes as demandas dos familiares por falta de información: “deben ser informados diariamente da situación dos familiares” sinalou Presas.