O BNG exixe á Xunta que non recorte profesorado e aulas en Ourense
Noa Presas reclama o reforzo de profesorado e a redución das ratios e cualifica de cinismo que o PP se escude na crise demográfica.
A deputada por Ourense Noa Presas manifestou o apoio do BNG ás demandas da CIG ensino e da Confederación de ANPAS galegas que denuncia como a Xunta de Galiza aproveita a tempada estival para aplicar un tesoirazo do 10% do profesorado respecto do curso anterior como se a pandemia xa tivese rematado. Ademais, o tesoirazo vai máis alá e supón unha baixada de aulas e profesorado respecto dos índices existentes antes da pandemia.
A deputada do BNG por Ourense sinala que “A Xunta non pode castigar Ourense por perder poboación, senón que ten que mellorar os seus servizos para que a xente se anime a seguir vivindo ou vir vivir aquí”
O BNG denuncia que “o PP actúa como se a pandemia xa rematase e non fose necesario garantir a seguridade das aulas e os profesionais están advertindo que non van poder cumprir os protocolos, ademais de que falamos dunha poboación menor que non vai estar vacinada”.
Para a nacionalista “A Xunta ten que rectificar e apostar por aumentar profesorado e aulas para reducir as ratios xa que isto está demostrado que aumenta a calidade do ensino e esta debe ser a preocupación do nosos sistema público.
Por último, o BNG advirte que “da mesma forma que fai coa sanidade os recortes comezaron nas poboacións máis pequenas pero danse tamén na cidade” “se a xunta recorta no barrio máis poboado da cidade en educación primaria e máis de cinco profesores nun instituto do centro dos máis solicitados que non fará no futuro?” pregúntase Presas.
Premeditación e escurantismo
O BNG sinala que en moitos casos non estaba prevista a supresión destas aulas ou profesorado e a Xunta agarda a facelo no verán para evitar a contestación das familias ademais de non negociarse coas forzas sindicais.