O BNG exíxelle ao PSOE que actúe co concelleiro do Carballiño polo seu machismo
Presas: "Ser feminista é apoiar un trato de igualdade, dignidade e xustiza coas mulleres"
O BNG apela ao Partido Socialista a que tome medidas a respecto do concelleiro do Carballiño, Manuel Sotelo, polas actitudes "machistas e patriarcais" durante o pleno municipal. Noa Presas, responsábel nacional de Acción Feminista do BNG, sinalou que estas actitudes están ensuciando a política e a representación pública do Concello e que non se poden consentir.
Dende o BNG quixeron amosar o seu apoio á concelleira nacionalista no Concello do Carballiño, Sofía García, despois dos comentarios "machistas e reiterados" que recibiu por parte dun concelleiro socialista durante o pleno municipal.
Presas apelou tamén ao Partido Socialista a que tome medidas respecto do señor concelleiro, Manuel Sotelo, polas súas conductas "patriarcais, machistas, noxentas e maleducadas" durante a sesión plenaria posto que, dende a formación nacionalista, sinalaron que era "algo reiterado e que non se pode consentir na política deste país".
"Ser feminista é algo máis que poñer lazos lilás na chapela da chaqueta todos os 8M ou facer declaracións institucións baleiras de contido. Ser feminista é levalo tamén nas institucións e apoiar nelas un trato de igualdade, dignidade e xustiza coas mulleres que facemos parte dela" aclarou a responsábel de Acción Feminista.
Presas sinalou que se fose un concelleiro do BNG quen vertera este tipo de comentarios "non estaría xa na corporación" e apelou ao Partido Socialista para que tome medidas dalgún tipo. "Isto non pode ser algo reiterado. Está ensuxando a política e a representación pública no Concello do Carballiño" concluíu Presas.