O BNG leva ao Congreso o futuro das obras do túnel de Ramón Puga
- O deputado do BNG, Néstor Rego, rexistra no Congreso dos Deputados preguntas sobre o atraso na reforma da infraestrutura
- Seara lembra a reivindicación histórica do nacionalismo para con este barrio e o risco que supón non arranxalo
O BNG rexistrou no Congreso das e dos Deputados unha instancia relativa á reforma do túnel de Ramón Puga e a demora, por parte do goberno central, de executar a obra. Para as nacionalistas, cada día que pasa é “un día máis de perigo e risco” de accidente na zona e reivindicaron a posta en marcha do proxecto aproveitando o corte da vía.
A formación nacionalista volve a preguntar sobre as futuras obras do túnel de Ramón Puga, unha reivindicación constante nos últimos anos para as nacionalistas que promoveron iniciativas en distintas institucións a nivel estatal autonómico e local, ademais de impulsar a recollida de máis de seiscentas sinaturas entre a veciñanza do barrio afectado.
A ADIF comunicou un corte de tráfico nas vías que conectan a localidade de Ourense con Zamora para levar a cabo as reparacións das vías despois do accidente ferroviario. Nestas actuacións non se rexistra non se rexistra ningunha pertencente ás obras da rúa de Ramón Puga situada no Concello de Ourense. “Non entendemos por que non está asinado xa o convenio para reformar os pasos de Tarascón e Ramón Puga que darían luz verde ás obras despois de levar máis dun ano redactado o proxecto” sinalou o voceiro municipal do BNG, Luis Seara.
Pola súa banda, o deputado do BNG no Congreso, rexistrou unha batería de preguntas sobre cales son os motivos polos que non se asina o convenio sabendo que as partidas orzamentarias xa se atopan pertinentemente asignadas tanto polo Concello como polo Administración de Infraestrutura Ferroviaria. A isto súmaselle a reflexión na que afondaron as nacionalistas e comparten as veciñas do barrio que “canta máis demora en realizar as obras, máis perigosidade e risco de accidente haberá na zona”
As nacionalistas entenden que non é explicábel a dilación dos proxectos, que xa foron redactados, e solicitan unha explicación de por que as obras do túnel de Ramón Puga non se poden levar a cabo aproveitando o corte das vías até o 25 de xuño.