O BNG LEVA AO PARLAMENTO OS PROBLEMAS DE PEDIATRÍA EN MONTERREI
Presas denuncia que cando se cumpren tres anos do “Verín non se pecha” falta persoal para cubrir as necesidades da comarca e nin sequera se cobren as vacacións.
O BNG vén de rexistrar no Parlamento Galego unha batería de medidas para demandar á Xunta de Galiza medidas de reforzo de persoal para garantir unha adecuada atención ao servizo de pediatría na comarca de Monterrei. Para Presas “urxe que a Xunta deixe de desmantelar o servizo de pediatría na comarca de Monterrei, non se pode consentir que de forma constante se deriven crianzas e pais e nais a Ourense porque non se cobren as baixas nin as vacacións do persoal do centro de saúde de Verín”.
Presas recorda que “a sanidade é un servizo público elemental para a boa calidade de vida dos galegos e galegas e como dereito que é debe garantirse con independencia de onde teñan as e os nenos o seu lugar de residencia. Pola contra, a Consellaría de Sanidade e a Xunta de Galiza parecen estar decididos a que as comarcas menos poboadas, como é o caso das de Ourense, sexan quen paguen a súa falta de planificación do relevo xeracional e a súa mala organización laboral, que espanta as e os profesionais”
O BNG recorda que “cando se van cumprir tres anos das históricas mobilizacións do Verín non se pecha, novamente pais, nais, profesionais e veciñanza da comarca de Monterrei están a saír á rúa e a recoller sinaturas pola falta de persoal continuada do centro de saúde de Verín e pola desatención na comarca, aconteceu o pasado seis de decembro e a situación non mellora”.
Para a organización nacionalista “non se pode consentir que un pai ou unha nai de Laza ou Vilardevós teñan que facer tres horas de coche para que se revisen afeccións tan habituais das idades infantís e do tempo frío como son as respiratorias, imaxinemos o que supón en semanas coma esta, nas que as distancias se agravan co mal tempo”.
O BNG insta á Xunta de Galiza a tomar as medidas necesarias de contratación de reforzos de persoal estables de forma que se dote dun servizo de calidade, próximo e continuado de pediatría na comarca de Monterrei, evitando os sucesivos desprazamentos a Ourense e garantindo a atención e seguimento da saúde da poboación infantil. Para iso, propón que estas medidas sexan negociadas co persoal e conten cunha reserva orzamentaria.