O BNG de Ourense di “non á guerra” coa presentación da campaña “Na Galiza: paz, soberanía, dereitos”
A formación nacionalista critica o aumento do gasto militar, reclama a saída da OTAN e anuncia unha campaña informativa e mobilizacións en varias cidades.
Ourense, 7 de abril de 2026. O BNG advertiu sobre a crecente tensión xeopolítica internacional e as súas consecuencias económicas e sociais, ao tempo que anunciou unha campaña de mobilización e información cidadá.
Na súa intervención, Luís Seara sinalou que o contexto global mudou profundamente nos últimos anos, pasando “dun mundo unipolar a un mundo multipolar”, no que bloques como os BRICS gañan peso. Segundo indicou, este proceso está a xerar “unha intensificación dun escenario de confrontación” impulsado polos Estados Unidos mediante presión económica, militar e comercial.
A formación nacionalista tamén criticou duramente os conflitos internacionais en curso, especialmente en Oriente Medio, denunciando o papel de Estados Unidos e Israel e cualificando a situación do pobo palestino como “un xenocidio que todo o mundo identifica xa como tal”.
No ámbito estatal, o BNG puxo o foco no incremento do gasto militar, advertindo das súas consecuencias directas sobre a cidadanía. “O aumento do gasto militar significa redución do gasto social, sanitario e educativo, e tamén o encarecemento dos prezos”, afirmaron, ao tempo que acusaron ao Goberno español de contradición entre o seu discurso e as súas políticas reais.
Ademais, denunciaron a subordinación da Unión Europea á estratexia da OTAN e dos Estados Unidos, así como a implicación de Galiza no complexo militar-industrial. Neste sentido, criticaron a celebración dun desfile das Forzas Armadas en Vigo e reclamaron a súa cancelación.
Como alternativa, o BNG reafirmou o seu compromiso cunha posición “antibelicista e de defensa da soberanía dos pobos”, propoñendo medidas como a neutralidade do Estado español, a saída da OTAN, a reconversión das instalacións militares para usos civís e un plan de reindustrialización baseado na creación de emprego digno.
O responsable comarcal, Sarín Núñez, puxo en coñecemento os diferentes actos que se realizarán na comarca ao longo dos meses de abril e maio.
Así mesmo, o BNG anunciou a súa participación nas mobilizacións convocadas pola Plataforma Galiza pola Paz e fixo un chamamento á cidadanía a sumarse ás protestas: “as políticas teñen que estar ao servizo dos servizos públicos e non da guerra nin dos desfiles militares”.