O BNG pedirá no Parlamento galego a implicación da Xunta para evitar o peche e os despedimentos na empresa H&M
Desde a formación nacionalista instarán ao executivo galego á inmediata posta en marcha, previa deliberación e acordo coa representación das traballadoras e coas organizacións sindicais, das medidas precisas para evitar o peche dos establecementos e a extinción de postos de traballos da empresa en Galiza
Ourense, 21 de maio de 2021. O Grupo Parlamentar do BNG no Parlamento galego ven de rexistrar unha proposición non de lei sobre a eliminación de postos de traballo e peche de tendas que a empresa H&M ten en Galiza.
Segundo o deputado por Ourense Iago Tabarés, "ao abeiro da reforma na lexislación introducida polo Partido Popular no ano 2012 e mantida na súa integridade polo actual goberno do Estado, a empresa H&M anunciou a presentación dun expediente de regulación de emprego que implicará o peche de tres das oito tendas abertas ao público en Galiza, Ourense, Príncipe en Vigo e Ferrol, así como modificacións en outras tres, Marineda en A Coruña, Gran Vía en Vigo e Lugo, afectando a máis de 65 traballadores e traballadoras".
Para o BNG, no caso particular da cidade de Ourense anunciouse o peche do establecemento e a extinción de 20 postos de traballo, empregos directos, dándose o caso de que, segundo datos da propia empresa, "este é unha das tendas de maior rendibilidade, concretamente a terceira de todos os centros que a mercantil ten abertos en todo o Estado español". A pesares disto, a empresa anunciou a súa intención de proceder ao peche da mesma e ao despedimento de todas as traballadoras.
Xa que logo, a existencia de beneficios na empresa e da rendibilidade do centro non é obstáculo, segundo Tabarés "para os despedimentos en tres centros, e a modificación das relacións laborais en outros tres, isto é, todos os dos que dispón a empresa en Galiza, agás os de Pontevedra e Santiago".
Por todo o anterior, o Grupo Parlamentar do BNG presentou unha proposición non de Lei co obxecto de que a Xunta deixe de mirar cara outro lado e para que "de xeito inmediato" e previa deliberación e acordo coa representación das traballadoras e coas organizacións sindicais, "adopte as medidas precisas e tendentes a evitar o peche dos establecementos e a extinción de postos de traballos na empresa H&M en Galiza”.