O BNG pide garantir a xestión pública do servizo de recollida de lixo da Deputación de Ourense
O BNG oponse á privatización do servizo de recollida de lixo da Deputación de Ourense, que considerando o razoábel bo funcionamento non hai motivo para que o goberno provincial retome o intento frustrado de privatizar este servizo.
O BNG demanda un novo modelo de xestión de residuos máis acaído á nova realidade medioambiental e xurídica.
O BNG denuncia que o goberno provincial retome o intento privatizador do servizo de recollida de lixo da Deputación, de xeito inxustificado e á marxe de calquera explicación, salvo meras declaracións de intencións do presidente da institución en medios de comunicación.
Este servizo, que atende a máis de medio centenar de concellos dos 92 concellos da provincia de Ourense, ten demostrado ser dos poucos servizos provincias que funcionan razoablemente ben, e de xeito satisfactorio para os usuarios. “Algo que sen dúbida é debido a que tamén é dos poucos sometidos un control público e plural exercido de xeito directo”, declara o voceiro provincial do BNG, Bernardo Varela. “O retorno á xestión directa do consorcio provincial contra o s lumes, é unha clara demostración de que a xestión directa dos servizos públicos, a través dun control plural é o único garante de bo funcionamento”, afirma Varela
Antano o BNG xa denunciou intentos da Deputación por privatizar este servizo, tras o que se agochaba a xestación dun novo modelo clientelar, que lle permita facer o que por imposibilidade legal non poden facer, que é contratar indiscriminadamente e sen filtro de ningún tipo. “Para o BNG carece de sentido proceder á privatización do servizo e que sexa un terceiro quen o xestione, cando foi a xestión pública cunha supervisión plural desde a administración provincial o que ven garantindo o seu bo funcionamento.” indica o voceiro nacionalista.
Para o BNG este cambio resulta preocupante, xa non só por non ter aínda modelo de xestión de residuos acaído á nova realidade ambiental e xurídica que establece o marco europeo, “senón tamén preocupante por non ter a máis mínima indicación da intención privatizadora no debate dos orzamentos de 2021, sendo esta partida de seis millóns de euros anuais, perto do 10% do orzamento anual deste ano”. Razóns polas que o grupo provincial do BNG demandou no pleno da deputación provincial, indica o voceiro do grupo, que se garanta o carácter público da xestión da recollida de lixo provincial. “Do contrario, para os nacionalistas en vez de desmantelar en anacos o ente provincial, para darlle a xestión ás empresas, Baltar debería tomar dunha vez a decisión máis coherente e máis beneficiosa para o conxunto da veciñanza da provincia, que non é outra que pechala.” sentencia Varela.
O BNG tamén trasladou ao pleno da Deputación unha serie de medidas para afrontar unha nova estratexia medioambiental na xestión de residuos e que leva tempo sendo urxente. Para o BNG é preciso apostar polo tratamento de residuos de proximidade, ou km0, para tratar máis da metade dos residuos municipais, apostando por unha xestión descentralizada dos residuos, singularmente da materia orgánica, mediante compostaxe, reducindo considerablemente a cantidade de lixo a tratar, e no que o Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra debe ser tido en conta. E no camiño da sustentabilidade ambiental rachar co modelo custoso e dañino ao medio que representa SOGAMA.
Ante a oposición do PP de abandonar o modelo SOGAMA, e cuestionar os resultados do Plan Revitaliza o voceiro do BNG lembroulle que “o modelo SOGAMA só recupera o 13% do residuos incumprindo a normativa Europea, por tan indefendible. E os concellos da liña Revitaliza melloraron os resultados entre eles o do Partido Popular de Mondariz balneario, exemplo do Plan Revitaliza”
Moción Democracia Ourensá contra o transfuguismo:
O BNG votou a favor da moción presentada polo grupo provincial de DO, de adhesión da Deputación provincial de Ourense ao Pacto Antitransfuguismo, ao Pacto pola estabilidade institucional, así como á Declaración Institucional da FEMP.
Porén Bernardo Varela lembroulles a DO, que “no pleno provincial do mes de setembro o grupo provincial de DO votou en contra da moción presentada polo BNG na mesma liña e cando estaban aínda recentes os feitos de Castrelo de Miño e Viana do Bolo”. Porén, indica o voceiro nacionalista, sempre é de agradecer que se reconduzan estas posicións, aínda que sexa algo tarde e por mero interés partidista.
Para o grupo provincial do BNG resulta dunha hipocrisía inaceptábel cara a propia institución a actuación do Partido Popular na Deputación de Ourense. Ante a imposibilidade de gañar a votación ao encontrarse en minoría, vota a favor da mesma.
“Mentres o PP de Baltar condena o transfuguismo no pleno provincial, e respalda o antitransfuguismo no seo da FEMP, mantén as alcaldías de Castrelo de Miño e Viana do Bolo en mans de alcaldes que se valeron destas prácticas para pervertir a vontade veciñal, sen albiscarse o máis mínimo propósito de enmenda ou de reverter unha situación que está exclusivamente na súa man”