O BNG pide que na vindeira Xunta de Área de Urbanismo se aborde monográficamente e se dean explicacións sobre o que está acontecendo nesta Concellería

Luis Seara, portavoz do BNg no Concello de Ourense
Luis Seara, portavoz do BNG no Concello de Ourense

A Formación nacionalista reitera a petición da listaxe do persoal que ten solicitado e concedida algún tipo de compatibilidade laboral ante as últimas informacións relativas a persoal vinculado á Concellería de Urbanismo. Desde o BNG amosan igualmente a súa preocupación pola presenza, sempre das mesmas persoas, en casos de conflictos urbanísticos

O BNG pide que na vindeira Xunta de Área de Urbanismo se aborde monográficamente e se dean explicacións sobre o que está acontecendo nesta Concellería

Ourense, 10 de novembro de 2025. Este luns publicábase nun medio de comunicación local unha información urbanística relativa a unha promoción de vivendas no Concello de Celanova e no que se fai un relatorio dos feitos no que aparecen involucrados altos funcionarios do Concello de Ourense.

Para o BNG resulta chamativo que “as persoas nomeadas, ademais de ocupar postos de gran relevancia dentro da Concellería de Urbanismo, figuran tamén noutros casos urbanísticos de gran relevancia social, xudicializados e que poden ter importantes repercusións económicas para as arcas municipais”.

Afondando no anterior, no BNG lembran que xa no seu día promoveron unha Comisión de investigación en relación ao edificio dos Franciscanos, Comisión que segundo sinalan “pechouse en falso” mais tamén sinalan que “non deixa de sorprender que noutros asuntos que están a ter gran relevancia social como é a recente reapertura da discoteca Desörden (antiga Macao) a adxudicación da redacción da Ordenanza relativa ás ECCOM ou do coñecido hoxe en relación a unha promoción urbanística en Celanova, sempre aparezan os mesmos nomes de altos funcionarios do Concello de Ourense, algún deles ascendido recentemente”.

O Portavoz municipal do BNG Luís Seara reitera que “levamos pedido ao longo de todo o ano 2025 en cada Xunta de Área e mesmo no Pleno, que se nos facilite unha listaxe do persoal do Concello que teña solicitada e concedida algunha compatibilidade laboral xa que a información que ímos coñecendo resúltanos moi preocupante” e engade, “reiteramos que é moi sorprendente que nas últimas semanas esteamos asistindo a informacións e a casos de dubidosa legalidade urbanística, xudicializados e nos que sempre aparecen os mesmos nomes”.

A pregunta polo tanto é obvia, Como é posible que o Goberno Local nos negue a información solicitada ao longo destes meses. Que teñen que ocultar?. Pedimos máxima transparencia e información e por iso queremos que a próxima Xunta de Área de Urbanismo prevista para o martes 18 de novembro, aborde, monográficamente, esta situación e se nos dea resposta ás moitas interrogantes que hai neste momento no aire”.


 

O BNG pide que na vindeira Xunta de Área de Urbanismo se aborde monográficamente e se dean explicacións sobre o que está acontecendo nesta Concellería