O BNG pídelle ao goberno local que convoque aos grupos da oposición para abordar con rigor e seriedade a situación sanitaria do concello
A formación nacionalista denuncia que por desgraza voltamos ao punto de partida, cun goberno local que non comparece nin da explicacións sobre as actuacións que está levando a cabo para implementar as novas restricicións impostas por sanidade
Ourense, 03 de setembro de 2020. O Grupo Municipal do BNG no concello, valora o informe sobre a situación epidemiolóxica no Concello de Ourense tras escoitar as recomendacións do subcomité clínico reunido para estes efectos.
lembran os nacionalistas que dito comité considera que deben tomarse medidas concretas respecto ao Concello de Ourense, xa que no mesmo concéntrase a maioría dos casos, medidas como restricións respecto ao tamaño dos grupos (establecendo un máximo de 10 persoas para grupos non conviventes), limitacións de aforos en establecementos comerciais, hostalería e restauración, limitacións para a celebración de eventos e restricións respecto a festas, verbenas ou actuacións.
As conclusións do informe, inciden os nacionalistas, recomendan a adopción, con urxencia, de medidas de prevención específicas no Concello de Ourense para facer fronte aos brotes e as cadeas de transmisión existentes e garantir a súa contención, prevendo unhas medidas para o ámbito territorial indicado, conectadas cos factores de maior risco de transmisión.
A orde ditada o pasado día 02 de setembro, pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 no Concello de Ourense, non recolle unha lista pechada de medidas de prevención, senón que poderán adoptarse de acordo cos principios de precaución e de proporcionalidade que deben rexer nas actuacións en materia de saúde, as necesarias para facer fronte ao concreto risco sanitario de que se trate.
Doutra banda, destacan desde o BNG, as medidas de prevención que se recollen nesta orde teñen un evidente fundamento sanitario, dados os riscos de transmisión dunha enfermidade contaxiosa como a que nos ocupa, lembrando que a vixilancia, inspección e control do seu cumprimento corresponde aos concellos, sen prexuízo das competencias da Consellería de Sanidade.
Polo tanto, os alcaldes e alcaldesas, como autoridade sanitaria, deben garantir nas referidas actividades, servizos e lugares de convivencia humana, os dereitos e deberes sanitarios da cidadanía e, polo tanto, garantir a vixilancia, inspección e control do cumprimento das medidas preventivas aprobadas pola Administración autonómica e daquelas que, no seu desenvolvemento, e atendendo á situación concreta, poida establecer o concello.
Desde o Grupo Municipal do BNG poñen de manifesto que ata onde eles saben, o goberno municipal non adoitou ningunha medida preventiva, alén de facer unha chamada ao cumprimento das recomendacións sanitarias e adiantar o peche das piscinas de Oira.
Inciden os nacionalistas en que o goberno municipal, non se puxo en contacto, nin cos grupos da oposición, nin co comité de saúde, nin coa Xunta de Persoal, para explicar que teñen pensado facer, e que medidas teñen pensado implementar en relación cos traballadores públicos, cos espazos públicos e cos centros do concello.
Para o BNG no Concello de Ourense, Desgrazadamente voltamos á situación de partida, a do confinamento, no que o goberno municipal non da ningunha información do que fai ou do que ten pensado facer.