O BNG presenta unha emenda a totalidade dos orzamentos da Deputación de Ourense

Xose Manuel Puga, Bernardo Varela e María Mangana
Xose Manuel Puga, Bernardo Varela e María Mangana

Bernardo Varela: “O PP volta traer uns orzamentos continuístas que levan lastrando as comarcas de Ourense todos estes anos”

O BNG presenta unha emenda a totalidade dos orzamentos da Deputación de Ourense

O grupo provincial do BNG, Bernardo Varela, María Mangana e Xosé Manuel Puga,  vén de presentar en rolda de prensa unha emenda á totalidade dos orzamentos da Deputación de Ourense para 2026 que redistribúe 18.671.000€ e tamén dúas emendas nas bases de execución.

A proposta  dos nacionalista, sinalaba Bernardo Varela, portavoz do BNG na Deputación de Ourense,  prevé redistribuír 18.671.000€ do orzamento presentado polo goberno do PP para destinalo a aumentar o apoio aos concellos, a axudas á veciñaza que padeceu os efectos dos lumes deste ano, a incorporar os GES no consorcio de incendios, activar a economía de Ourense e a creación dun programa contra a violencia machista. 

Nas emendas ás bases de execución procura asegurar un funcionamento máis rigoroso, establecendo unha emenda de engádega para que os representantes públicos só poidan percibir dietas pola asistencia a organismos dependentes da Deputación se permanecen polo menos o 70% do tempo das sesión dos organismos e participan no 90% das votacións. E outra emenda de engádega ás bases de execución na que se propón limitar as axudas nominativas, limitándoas ao 8% do orzamentos nos capítulos IV e VII para entidades privadas, incluíndo as posibles modificacións de crédito e a incorporación de remanente.

Dentro da emenda á totalidade, o BNG propón un Plan Único dotado con 23.410.000 euros, baseado nos criterios obxectivos da FEGAMP que xa forman parte das bases reguladoras da cooperación municipal. Este Plan Único estrutúrase cunha asignación de 20.910.000 euros a repartir cos criterios recollidos nas bases provinciais e cunha partida específica de 2.500.000 euros para apoiar aos concellos afectados polos incendios do verán de 2025. Varela lembrou que “o obxectivo que vimos defendendo dende o inicio do mandato é acadar os 25 millóns de euros para este plan, unha cifra perfectamente asumible se existe vontade política”.

A maiores, o BNG demanda a incorporación dos GES ao Consorcio de Incendios, incrementando en 400.000 euros os fondos destinados a emerxencias (cun complemento económico anual de 200.000€ para os anos 2026 e 2027) , coa intención de garantir unha estrutura unificada de actuación, clarificar competencias e evitar que cada episodio de incendios dependa de improvisacións ou da falta de coordinación. “Este verán deixou moi claro que a provincia precisa un mando único e unha resposta ordenada, non parches”, afirmou o portavoz nacionalista.

Outro dos eixes da proposta do BNG é a creación dun programa de dinamización e activación económica dotado con 2.710.000 € euros e dirixido ás entidades sindicais, empresariais, profesionais, formativas e universidade mediante convenios e concorrencia competitiva. Para Varela, “a provincia non pode seguir ancorada nun modelo esgotado; é necesario poñer en valor o noso potencial económico con políticas estruturais que creen emprego e oportunidades reais”.

Tamén se inclúe un programa específico para loitar contra a violencia machista, dotado con 150.000 euros e baseado en convenios e concorrencia competitiva con entidades que desenvolven este traballo esencial no territorio. Resulta significativo que a este pleno de novembro vaian dúas moción referidas á violencia machista e “non se pode presumir de compromiso coa igualdade mantendo partidas simbólicas ou discrecionais; é preciso apoiar con recursos e con estabilidade ás entidades que sosteñen esta loita diaria”, subliñou Varela.

O portavoz nacionalista lembrou que todas estas propostas responden a unha diagnose que o BNG leva anos advertindo: a Deputación continúa a reservar un remanente importante para axudas nominativas que acaban dependendo da discrecionalidade política, pese a que o goberno provincial tente maquillar a situación presentando unha suposta redución destas partidas. Para Varela, “non hai cambio real, só un cambio de cromos. O PP limita as nominativas nos orzamentos para logo recuperar o volume a través da incorporación de remanentes en marzo, reproducindo exactamente a mesma política clientelar que vimos denunciando”.

Ademais, o BNG critica a ausencia de avances no capítulo I, onde non se aprecia ningún movemento a favor da transparencia nin dun modelo de contratación adaptado á realidade da institución. Varela lembrou que “seguimos sen unha RPT digna, moderna e axustada ás necesidades reais da Deputación, o que impide acadar unha institución eficiente ao servizo da veciñanza”. Tamén reiterou que o INORDE continúa a ser “un organismo irreformable”, logo de que o goberno provincial volvese rexeitar todas as propostas para facelo funcional. Por iso, o BNG defende de novo a súa disolución e a integración das súas competencias directamente na estrutura da Deputación. “Un ano máis queda claro que o INORDE non cumpre cos seus obxectivos declarados e que só se mantén por inercia e por interese político”, concluíu.

Varela rematou salientando que as emendas presentadas polo BNG demostran que é posible un modelo alternativo, máis transparente, máis eficaz e máis orientado aos intereses dos concellos e das ourensás e ourensáns. “O PP opta polo continuísmo e polos vellos vicios; nós optamos por poñer a Deputación ao servizo da maioría social. Ese é o sentido destas emendas e ese será o camiño que seguiremos defendendo”.

O BNG presenta unha emenda a totalidade dos orzamentos da Deputación de Ourense