O BNG promove unha declaración pública contra a quita das preferentes
O Pleno do Congreso debateu hoxe xoves a convalidación do Real Decreto 6/2013, de 22 de marzo, de protección aos titulares de determinados productos de aforro e inversión de carácter financeiro. Real Decreto que legaliza xa oficialmente o roubo do 43% dos cartos das aforradoras que foron enganadas na estafa das participacións preferentes e subordinadas.
O BNG mostrou o seu rexeitamento a esta decisión do Partido Popular e está a promover en diferentes localidades do país unha declaración pública que será realizada mañá simultáneamente ás 11:43h denunciando a formalización do roubo.
En Ourense será a Plataforma de Afectadas polas Preferentes e Subordinadas quen lerá a declaración mañá venres, co apoio de diferentes organizacións e colectivos sociais, e co apoio do BNG.
O BNG fixo chegar ao grupo de Goberno en Ourense a declaración que esta a promover nas diferentes localidades e comarcas do país para denunciar o roubo dos aforros a través das preferentes e este súmase ao rexeitamento público e asistirá á lectura da declaración.
Intervención do BNG no Parlamento do Estado: http://bng.gal/blog/2013/04/11/davila-a-guindosretiren-o-decreto-das-quitas-as-preferentes-e-arbitren-medidas-para-recuperar-todo/
Texto que o BNG esta trasladando, a nivel municipal, a todos os Concellos onde ten representación institucional convidando a outros grupos políticos a sumarse a esta declaración pública:
DECLARACIÓN ANTE O ROUBO DOS AFORROS D@S GALEG@S
O Concello de Ourense, tras coñecer que o PP acaba de aprobar outra norma para executar o roubo dos aforros de galegos e galegas, a través da maioría que posúe no Congreso dos Deputados, quere transmitir á opinión pública as seguintes cuestións:
1. Que a decisión política que ampara esta estafa está baseada unicamente nos intereses do sector financeiro, consolida o culto á usura e á desigualdade e afonda aínda máis na separación entre unha elite máis rica e unha maioría da poboación cada vez máis empobrecida.
2. Que existe un comportamento demagóxico por parte de deputadas e deputados galegos do Partido Popular que, mentres din solidarizarse e estar á beira das persoas afectadas, aproban directamente ou consenten con complicidade a posición política do seu partido, aliado da banca e dos intereses financeiros e que, por tanto, ao non representaren a cidadanía galega, merecen a nosa reprobación pública.
3. Que este atentado contra aforradores e aforradoras supón un grave prexuízo individual e colectivo para a nosa economía, pois quítannos a posibilidade de que unha parte substancial desas cantidades acabe por significar investimentos no propio concello que poderían axudar ás pequenas economías locais en tempos de crise.
4. Que, nese sentido, queremos sumarnos ás voces que exixen a devolución íntegra das cantidades que as persoas aforradoras depositaron sen recibiren información adecuada do produto que adquirían.
5. Que, simbolicamente, decidimos pechar durante 17 minutos (entre as 11:43 e as 12:00) o 43% das dependencias municipais o día despois de se cometer un acto que xulgamos indigno e contrario aos intereses de veciños e veciñas do noso concello e do conxunto do noso país. Transmitímoslle así á cidadanía a nosa vontade de continuar a defender a modificación dunha lexislación e dunhas decisións políticas que tentan eliminar totalmente as nosas posibilidades de desenvolvemento.
Ourense, 11 de abril de 2013