O BNG reclama axilizar a construción do edificio da Xunta en Ourense que leva décadas de retraso e o PP vota en contra

Foto IAGO TABARES 1
Iago Tabarés, deputado do BNG por Ourense

Iago Tabarés, ao Goberno do PP: “Basta xa aos compromisos incumpridos e as demandas desatendidas da cidade de Ourense e da súa cidadanía”

O BNG reclama axilizar a construción do edificio da Xunta en Ourense que leva décadas de retraso e o PP vota en contra

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro, 2025. O deputado do BNG Iago Tabarés reclamou ao Executivo en mans do PP que impulse a construción do novo edificio administrativo da Xunta en Ourense, un proxecto que non para de acumular retrasos e polo que a cidade das Burgas leva agardando xa máis de trinta anos, cando se anunciou esta infraestrutura.

Tabarés presentou o proxecto como un “botón de mostra máis” dos continuos incumprimentos do Goberno do PP con Ourense. “Basta xa de compromisos incumpridos con Ourense e coa cidadanía de Ourense. Basta xa de demandas desatendidas con Ourense e coa cidadanía de Ourense. Basta xa de demandas desatendidas, de recursos públicos subtraídos e dilapidados que padece Ourense e a súa cidadanía”, proclamou Tabarés durante a súa intervención.

En concreto, Tabarés defendeu na Comisión 1ª do Parlamento unha proposición non de lei, rexeitada polo PP, para instar á Xunta a “axilizar a construción dun edificio para albergar todas as dependencias administrativas da Xunta na cidade de Ourense” pois, tal e como subliñou, actualmente os servizos da administración galega están espallados en vinte inmóbeis situados en zonas diferentes da cidade, o que supón unha molestia para a veciñanza e un custe importante para as arcas públicas polo pago de rendas de alugueiro.

Ademais, tal e como destacou o deputado nacionalista, Ourense é hoxe en día a única cidade do País na que a Xunta non ten concentrados os seus servizos administrativos.

Durante a defensa da súa iniciativa, Tabarés lembrou que a promesa do edificio remóntase xa a finais do século pasado, cando en época preelectoral Manuel Fraga presentou o proxecto Ourense cara o Novo Milenio, proxecto que recolleu logo Feijóo como conselleiro de Obras Públicas no 2005 e que se reformulou no 2008 dentro do Aurea Verde. “Subido dun enorme furor anunciador” Feijóo volveu prometer o edificio no 2018, do que non se volveu saber até o 2021.

A finais dese ano, o 30 de decembro, o Consello da Xunta aprobou a compra de catro parcelas no barrio das Lagoas -lugar diferente aos inicialmente previstos- para destinalas á construción dun edificio no que centralizar a totalidade das dependencias da administración galega. Á adquisición dos terreos destináronse 8,4 millóns de euros, cun sobrecusto -denunciou Tabarés- de arredor de dous millóns de euros. “Desa compra houbo un beneficiario claro – un “coñecido promotor urbanístico de Ourense”- e os prexudicados de sempre”, denunciou.

Xa en setembro de 2022, foi convocado un concurso de ideas, a nivel de anteproxectos, para a construción do novo edificio administrativo. Deste concurso resultou gañador, en marzo de 2023, o proxecto presentado pola UTE Díaz e Díaz Arquitectos, SLP e Castroferro Arquitectos SLP. Logo disto, a redacción do proxecto básico e de execución, que foi adxudicada á gañadora do concurso de ideas nun procedemento negociado sen publicidade, debería estar executada nun prazo de seis meses.

Transcorrido con creces o prazo máximo para a presentación do pronto e xa que logo para a licitación da construción, Ourense segue agardando por unha infraestrutura anunciada hai máis de trinta anos”, apúntase na iniciativa.

O deputado nacionalista lamentou o voto en contra dos deputados do PP, aos que lembrou a ladaíña de incumprimentos coa cidade das Burgas, destacando entre estes a recente negativa do Goberno de Rueda a que o Centro de Atención a Persoas con Discapacidade sexa de xestión público.

Tabarés lembra que "Ourense segue a ser a única cidade na que a Xunta de Galiza non ten concentrados os seus servizos administrativos nun único edificio, senón que as dependencias están esparexidas en 20 inmóbeis ubicados en distintas zonas da cidade, situación que implica unha evidente molestia para a cidadanía e un custo importante para os recursos públicos dado que non en todos os casos a propiedade do inmoble é pública".

viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, denuncia o “enorme caos” e a “grande sobrecarga de traballo” que está a provocar o Goberno de Rueda nos servizos sociais comunitarios que tramitan as solicitudes da dependencia e que están a sufrir en primeira persoa os cambios no procedemento aprobados coa maioría absoluta do PP, sen diálogo nin información aos traballadores e traballadoras, a través da Lei de Acompañamento dos Presupostos.

Cambios que, segundo subliña Rodil, fanse en teoría para axilizar os trámites, pero que na práctica nin van servir para acurtar prazos “nin moito menos para cumprir os que xa establece a lei estatal”. “A lei fixa un prazo máximo de seis meses desde hai dezaoito anos e Galiza non deixa de incrementar o tempo de espera”, denuncia a deputada nacionalista, lembrando ao respecto que 2024 rematou cunha espera media de 387 días, máis do dobre do prazo máximo establecido.

A modo de exemplo, a portavoz de Política Social no goberno alternativo do BNG denuncia que en Lugo, a día de hoxe, están chamando a persoas que solicitaron a dependencia en abril de 2024 para citalas e poder valoralas a finais de xaneiro deste ano. “Na práctica, van esperar case un ano”, criticou, para advertir da “saturación” por falta de persoal que sofren dende hai tempo os equipos que tramitan a dependencia e que agora se agrava polas reformas introducidas pola Xunta, que non puxo máis medios e nin tan sequera informou ao persoal dos servizo sociais comunitarios até a véspera da entrada en vigor dos cambios na tramitación.

O Goberno do PP está xerando un enorme caos en unha grande sobrecarga de traballo nos servizos sociais comunitarios que xa están saturados pola falta de persoal”, subliña Rodil, que xa adiantou que o Bloque vai presentar no Parlamento unha batería de iniciativas para demandar, en primeiro lugar, que a Xunta atenda as demandas dos profesionais da dependencia, nomeadamente terapeutas ocupacionais e traballadoras sociais, e negocie con elas os cambios que se vaian introducir. “Séntense absolutamente ninguneados e con razón”, apuntou.

O BNG vai demandar, en segundo lugar, que “se realmente o Goberno do PP quere garantir en tempo e forma os dereitos das persoas dependentes, é necesario e urxente que amplíe o persoal dos equipos de valoración e orientación da dependencia e da discapacidade en toda Galiza”.

En terceiro lugar, o Bloque considera que un dos “elementos fundamentais” para garantir os dereitos das persoas dependentes é garantir que teñan acceso aos servizos públicos que necesitan, pois actualmente a maior parte das persoas que se atopan en lista de agarda en Galiza é polo acceso a un servizo ao que teñen dereito. Desde 2017 cada día faleceron no noso País dúas persoas agardando por unha praza que lle foi recoñecida como dereito. “Isto é inadmisible”, advertiu a viceportavoz do Bloque, que seguirá a pedir no Parlamento o incremento de prazas en servicios como residencias, centros de día ou servizo de axuda ao fogar.

O BNG reclama axilizar a construción do edificio da Xunta en Ourense que leva décadas de retraso e o PP vota en contra