O BNG reclama unha vez máis á Xunta de Galiza a creación dun novo Xulgado de Familia en Ourense
Nos últimos 5 anos, os asuntos que tiveron entrada no Xulgado de Primeira Instancia número 6 de Ourense, que ten atribuída en exclusiva os asuntos propios do dereito de familia e da capacidade das persoas exceden con moito o nivel máximo establecido polo CXPX chegando no ano 2021 aos 2.292 casos
Ourense, 18 de abril de 2022. O Grupo Parlamentar do BNG no Pazo do Hórreo ven de rexistrar a través do deputado por Ourense Iago Tabarés, unha Proposición non de Lei co obxecto de instar á Xunta de Galiza a impulsar as actuacións necesarias para o incremento da planta xudicial no partido xudicial de Ourense, mediante a creación dun novo Xulgado de Primeira Instancia para a súa especialización en asuntos de familia e capacidade das persoas.
Lembra o deputado Tabarés que "estamos diante dunha vella demanda do BNG e mesmo de diferentes colectivos e operadores xurídicos de Ourense", e engade, "o Xulgado de Primeira Instancia número 6 do partido xudicial de Ourense ven soportando dende hai anos unha elevadísima carga de traballo que excede con moito o máximo establecido polo Consello Xeral do Poder Xudicial e que para evitar un inmediato colapso obrigou a adopción de medidas extraordinarias de apoio e reforzo e a un seguimento específico por parte do Consello".
O propio CXPX fixa un máximo de 1.323 o número de asuntos que podería soportar un Xulgado de Familia, o de Ourense e segundo os datos do propio Consello, rexistrou un total de 2.292 no ano 2021.
Para o deputado Iago Tabarés "como consecuencia de tan elevada carga de traballo e do elevadísimo rendemento da oficina xudicial, o Xulgado presenta unhas taxas de dependencia moi superiores á media, polo que resulta incompresíbel que a Xunta de Galiza non propoña a creación dun novo Xulgado de Primeira Instancia no partido xudicial de Ourense".
Tabarés lamenta igualmente que "a finais do mes de marzo de 2022 á Comisión Mixta de Xustiza en Galiza acordou propor ao Ministerio de Justicia a creación de 7 novos órganos xudiciais, número extraordinariamente superior aos creados na última década, a pesares diso e dos datos aportados polo Xulgado de Familia ourensá, non se considerou necesario incrementar a planta xudicial de Primeira Instancia no partido de Ourense".